PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A Xunta avanza nas negociacións para ampliar a superficie pública nas Fragas do Eume

PorBisbarra

Mércores, 11 Setembro 2024 ,
A Xunta pretende ampliar a actual superficie pública do parque natural das Fragas do Eume en 113 hectáreas.A Xunta pretende ampliar a actual superficie pública do parque natural das Fragas do Eume en 113 hectáreas.

O OBXECTIVO É AUMENTAR A SUPERFICIE PÚBLICA DAS FRAGAS DO EUME EN 113 HECTÁREAS

A Xunta de Galicia avanza nas negociacións con propietarios privados de terreos nas Fragas do Eume. Así pois, o obxectivo é ampliar a actual superficie pública deste parque natural en 113 novas hectáreas. Así llo trasladou a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, á presidenta da Asociación Parque Natural do Eume, Natureza e Desenvolvemento, Ángeles Pita, con quen mantivo unha reunión para abordar a situación dos propietarios particulares con terreos neste espazo natural aos que representa a súa entidade.

En concreto, a responsable autonómica explicou que a día de hoxe xa están moi avanzados os trámites para poder concretar proximamente a compra venda de 2 lotes cun total de 95 parcelas e unha extensión de 64,5 hectáreas. Ademais, engadiu que o seu departamento iniciou as negociacións cos propietarios doutras 3 fincas que suman unha superficie de 49 hectáreas.

En caso de que se materialicen todas estas operacións, Marisol Díaz incidiu en que o parque natural gañaría 113 novas hectáreas de terreos públicos. A esta superficie sumaríanse tamén ás 28 parcelas cun total de 16,5 hectáreas que adquiriu xa a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático nos últimos meses.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

MÁIS DO 80% DA SUPERFICIE EN MANS PRIVADAS

A directora xeral de Patrimonio Natural lembrou a aprobación en 2023 do Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Natural Fragas do Eume, que conta coa particularidade de que máis do 80% da súa superficie está en mans privadas. Así, incidiu en que coa compra destes terreos o obxectivo da Xunta é realizar actuacións de conservación e restauración en zonas de máximo interese desde o punto de vista ecolóxico. Entre estes labores salienta a retirada de especies invasoras e mellora da continuidade das masas de frondosas autóctonas.

Con tal fin, o Goberno galego habilitou en 2024 un orzamento de 1,1 millóns de euros para afrontar este tipo de adquisicións. Así mesmo, ten localizadas unhas 400 parcelas, entre elas as case 100 que actualmente están sendo obxecto de negociación, para avaliar a súa posible compra e que pasen a reforzar as 1.840 hectáreas das Fragas do Eume que a día de hoxe son xa de titularidade pública.

PREDISPOSICIÓN AUTONÓMICA A ESTUDAR NOVAS ADQUISICIÓNS

En todo caso, Marisol Díaz recordou que a Xunta segue aberta a estudar as características das fincas de todos aqueles propietarios interesados en vender os seus terreos no parque natural para determinar se cumpren os requisitos necesarios para incorporarse á superficie pública.

De feito, trasladoulle á presidenta da asociación eumesa este compromiso, ao tempo que acordaron que a entidade elabore unha relación detallada das actividades e usos máis frecuentes nos seus terreos, coa fin de clarificar nunha futura reunión as posibles dúbidas dos propietarios con relación a cales se poden ou non autorizar ao abeiro do PRUX.

O Goberno galego considera de vital importancia realizar actuacións que persigan incrementar a superficie pública de bosque nas Fragas do Eume e a súa recuperación. Así mesmo, a Xunta busca asegurar a conservación da natureza a través do mantemento dos procesos ecolóxicos, a preservación da biodiversidade dos ecosistemas e a aplicación de medidas que garantan a singularidade da paisaxe e a restauración de recursos degradados.

Ademais, esta medida enmárcase no compromiso da Xunta de facer compatible a protección e preservación dos valores, hábitats e principais especies de flora e fauna que alberga este territorio de grande riqueza, cunha actividade económica sostible por parte dos propietarios.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.