O orzamento está financiado ao 80% pola Xunta e o Goberno central
O Concello de Barbadás completou recentemente unha serie de actuacións dirixidas á naturalización dos espazos urbanos no parque de Vilaescusa. Este proxecto, no marco do Plan de Impulso ao Medio Ambiente PIMA Cambio Climático contou cun investimento de 20.000 euros. Desta contía, o 80% foi subvencionado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Así pois, o obxectivo principal e mitigar os efectos do cambio climático e mellorar a calidade de vida da veciñanza a través da creación de espazos verdes e sostibles.
A intervención, finalizada o pasado agosto, destaca pola creación dunha lagoa e unha pérgola adornada cunha vide no parque de Vilaescusa. A obra tamén incluíu a instalación dunha papeleira, dous bancos e unha senda de pedra que conecta todo o espazo. Esta contorna busca combater o efecto illa de calor que caracteriza ás áreas urbanas. Así mesmo, servirá como refuxio para a biodiversidade local, promovendo a conservación de especies anfibias e aves. Ademais, esta nova zona verde proporcionará un lugar de sombra e frescor para o desfrute da veciñanza, contribuíndo á mellora do hábitat urbano.
INFORMACIÓN E SENSIBILIZACIÓN AMBIENTAL
Para reforzar a conciencia ambiental, instalouse un panel informativo no parque de Vilaescusa con información sobre o cambio climático e os múltiples beneficios das charcas para anfibios en zonas urbanas. O panel inclúe contidos orientados á conservación da fauna e flora autóctonas, destacando como estas charcas axudan a reducir o efecto illa de calor e melloran a saúde ambiental e a calidade de vida.
Na inauguración destas novas instalacións participaron nenos e nenas en idade escolar, integrantes do campamento de verán municipal e concelleiros do Goberno local. Durante o evento, os rapaces recibiron unha charla sobre o cambio climático e a biodiversidade, mostrando un gran interese polos temas tratados. Como parte das actividades, procederon á plantación de nenúfares na lagoa, simbolizando o compromiso das xeracións máis novas coa conservación do medio ambiente. Ademais, instaláronse dous hoteis de insectos sobre a pérgola de madeira, reforzando o compromiso do Concello de Barbadás coa preservación da biodiversidade local.
Esta iniciativa foi precedida por unha serie de charlas e obradoiros realizados durante os campamentos de verán, co obxectivo de implicar á rapazada na loita contra o cambio climático e fomentar unha actitude proactiva na conservación da nosa contorna natural.