O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, clausurou en Expourense a asemblea xeral ordinaria da Asociación provincial de talleres de reparación de vehículos de Ourense (Atave). Estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Alí destacou a importancia de traballar conxuntamente coas empresas como as que forman parte desta entidade para afrontar o reto da cobertura de vacantes neste sector.
No referido á cobertura de postos de traballo e á remuda xeracional, González sinalou que se recollerán as achegas e identificaranse as barreiras de acceso do sector á contratación de man de obra, especialmente da estranxeira. Tamén se busca detectar as carencias do catálogo de postos de difícil cobertura, para propoñer a súa actualización ao Goberno.
Debullando os esforzos que está a desenvolver a Xunta para atender as necesidades do tecido produtivo, o titular de Emprego remarcou a colaboración con Atave na execución de accións formativas para desempregados. Máis en concreto, salientou unha serie de cursos para a que o Goberno galego destinou 203.000 euros no 2023. Dende 2009, o executivo autonómico achegou preto de 2,5 millóns de euros a esta formación.

Nesta mesma liña, González incidiu noutras medidas executadas para favorecer as oportunidades das persoas demandantes de emprego en Galicia. Unha delas é a modernización do Servizo Público de Emprego co apoio da intelixencia artificial para casar oferta e demanda en tempo real. Ao tempo, optimízanse estas listas para que estean nelas as persoas que queren traballar.
Tamén salientou a aposta da Xunta para flexibilizar a formación para o emprego a través das microformacións, atendendo ás demandas das empresas para ser máis áxiles e afinar a oferta formativa tendo en conta as competencias que se están demandando.
RETORNO DOS GALEGOS DA DIÁSPORA E CAPTACIÓN DE TRABALLADORES DE TERCEIROS PAÍSES
Abordando o plan de atracción de talento deseñado polo Goberno autonómico, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración lembrou dous eixos complementarios. Por unha banda, favorecer o retorno dos galegos da diáspora coa Estratexia Galicia Retorna, dotada con 450 millóns de euros para favorecer a volta de 30.000 persoas. Nesta liña, ofrécese contratacións en orixe e impúlsase a súa inserción laboral a través do programa Retorna Cualifica Emprego. Pola outra banda, captar traballadores estranxeiros de terceiros países, sempre da man das empresas e de xeito ordenado e vencellado ao traballo.
Para garantir unha formación que encaixe nos perfís profesionais que se demandan no mercado laboral, incidiu na necesidade de que o Goberno central non obstaculice a vía do arraigamento para a regularización administrativa dos inmigrantes. Así mesmo, reclamou flexibilizar os criterios de repartición de fondos para a formación e axilizar todos os trámites vencellados á homologación dos títulos fóra de España.

MÁIS DE 400 EMPRESAS INTEGRADAS EN ATAVE
En canto ao labor de Atave, o conselleiro enxalzou a súa traxectoria de preto de 50 anos e o seu papel referente no sector. Esta asociación xurdiu en 1977 e na actualidade conta con máis de 400 empresas de reparación de vehículos. Os traballadores homenaxeados no marco da asemblea xeral ordinaria desta entidade foron Eladio Lamas, de Talleres Paco; Fermín Rodríguez, de Talleres Auto Agro; e José Torres, de Talleres Torres.