A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García; o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; e o bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García, participaron esta mañá no acto conmemorativo do 50 aniversario do hospital Juan Cardona. As autoridades descubriron na entrada do centro unha placa conmemorativa polo medio século de historia. Ademais de veciños e usuarios, no acto estiveron presentes o patrono da Fundación Santo Hospital de Caridad, Alberto Lens; a filla de Juan Cardona e o xerente do hospital Ribera Juan Cardona, Javier Atanes.
Fabiola García destacou a longa traxectoria deste hospital, “toda unha referencia na cidade de Ferrol”. A maiores, resaltou o vínculo que sempre tivo coas persoas máis vulnerables, que atopan axuda no refuxio Pardo de Atín para persoas sen fogar. Este albergue, situado no centro, conta coa colaboración da Xunta de Galicia no seu financiamento.
Pola súa banda, o rexedor ferrolán lembrou que a colaboración activa de entidades, organismos e administracións, baixo a coordinación de Juan Cardona, foi vital para a construción deste centro hospitalario. Así mesmo, agradeceu a atención que ofreceu a milleiros de persoas ao longo destas cinco décadas.
Ademais, Rey Varela puxo en valor a adaptación do centro hospitalario ao século XXI. “Hoxe en día conta cun aspecto e cunhas prestacións totalmente renovadas, que dan resposta ás necesidades sanitarias actuais”, afirmou.
Finalmente, o alcalde de Ferrol expresou o seu agradecemento e felicitación ás persoas que traballaron e traballan no Hospital Ribera Juan Cardona, así como á actual xerencia e á Fundación Santo Hospital de Caridad.