A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; o alcalde de Ares, Julio Iglesias; e o director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Indalecio Cabana, visitaron o CPI As Mirandas, no Concello de Ares. Alí comprobaron de primeira man o estado de execución das obras de ampliación e reforma do centro. Neste sentido, o departamento autonómico investiu máis de 3 millóns de euros a esta actuación, dos que 2,1 están consignados nos Orzamentos 2025.
O proxecto inclúe a construción dunha nova edificación que acollerá as seis aulas de infantil, ata o momento distribuídas en diferentes espazos, e a de psicomotricidade. Este novo volume, cunha superficie total de 850 metros cadrados, estará conectado co andar baixo do edificio existente.
Para dar resposta ás necesidades da comunidade educativa, tamén se está acometendo a reforma do inmoble xa existente. Actualmente é onde centran traballos, tanto no que atinxe á eficiencia enerxética como na reordenación de espazos. Así, procedeuse á substitución da cuberta e das fiestras e están en execución as obras de mellora da envolvente térmica das fachadas.

Ademais, situaranse no andar baixo do edificio, agora ocupado por aulas de Infantil, os espazos administrativos, a aula de usos múltiples e a biblioteca, aproveitando para ampliar este último espazo. O resto do volume continuará acollendo as aulas de Primaria e ESO.
Martina Aneiros lembrou que esta é unha das actuacións en materia educativa consignadas nos Orzamentos de 2025 na área territorial. Nesta partida tamén están comprometidos 2 millóns de euros para levar a cabo a rehabilitación integral e ampliación do CIFP Leixa e outros 500.000 euros para un convenio co Concello de Ferrol para a mellora de colexios de Infantil e Primaria.
O proxecto de ampliación e reforma do CPI As Mirandas está incluído no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para modernizar os centros educativos públicos galegos para facelos máis confortables, accesibles e axeitados ás novas políticas educativas que se están a poñer en marcha.