PUBLICIDADE

Aneiros avalía os investimentos da Xunta en Ferrolterra nos Orzamentos de 2025

PorBisbarra

Xoves, 24 Outubro 2024 , ,
Aneiros analizou os Orzamentos para Ferrolterra na Comisión Territorial de Coordinación.Aneiros analizou os Orzamentos para Ferrolterra na Comisión Territorial de Coordinación.

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presidiu unha nova sesión da Comisión Territorial de Coordinación, onde puxo en valor o esforzo investidor da Xunta en Ferrolterra nos Orzamentos de 2025.

Na reunión, na que tomaron parte os directores territoriais de cada conselleira, Aneiros destacou os importantes investimentos en materia de saneamento, instalacións deportivas ou vivenda que recibirá o próximo ano a cidade naval. Neste último capítulo salientou os 7,67 millóns de euros consignados para iniciativas como a construción de vivenda de promoción pública no Bertón, cun investimento de 5,21 millóns de euros; a continuidade do programa Rexurbe, con 1,96 millóns de euros; ou os 500.000 euros para o desenvolvemento de novo solo residencial na cidade.

Segundo Aneiros, estas medidas permitirán “facilitar o acceso á vivenda ás familias con máis dificultades de acceder ao mercado libre”. Así mesmo, salientou que o investimento en materia de urbanismo quintuplícase nos Orzamentos de 2025, impulsado polo Plan Hurbe de Ferrol, que contará o próximo ano cun investimento de 1,5 millóns de euros.

PUBLICIDADE

INFRAESTRUTURAS E SANEAMENTO NOS ORZAMENTOS

En materia de infraestruturas, a Xunta consigna 2,2 millóns de euros para o proxecto de Abrir Ferrol ao Mar. Máis en detalle, 600.000 euros para culminar as obras da primeira fase que está a executar a Autoridade Portuaria de Ferrol na fachada marítima e outros 1,6 millóns para a segunda fase, que levará a cabo o Concello de Ferrol.

A estes investimentos habería que sumar outros 9,61 millóns de euros previstos para infraestruturas viarias da comarca, como os 4,75 millóns para melloras complementarias nas estradas autonómicas AC-862 e AC-566; os 4 millóns para a VAC Costa Norte ou os 860.000 euros para a execución de medidas ambientais na autovía AG-64 Ferrol-Vilalba.

No ámbito do saneamento, a Xunta mobilizará case 70 millóns de euros nun ambicioso Plan integrado para o saneamento e depuración das ría o próximo ano. No marco do mesmo, destinarase a Ferrol máis de 13 millóns de euros, achegando o 70% a Xunta e 30% o Concello. Estará dividido en dúas fases que permitirá dotar de servizos axeitados e de calidade aos principais núcleos rurais do municipio, “un conxunto de actuacións que repercutirán positivamente no estado das augas costeiras”, indicou Aneiros.

O documento orzamentario recolle ademais investimentos en infraestruturas en municipios da comarca. Así, salientan os 3,2 millóns de euros para a mellora do abastecemento de Ares, os case 590.000 euros para darlle continuidade ás fases II e III do saneamento de Cabanas-Pontedeume e 50.000 euros para implementar medidas preventivas e de redución de riscos de inundación no Concello de Neda.

PARTIDA SANITARIA DOS ORZAMENTOS

A delegada territorial puxo o aceno tamén nos 15,57 millóns de euros destinados ao Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) para avanzar na fase 1 do plan director xa en curso e no proxecto da fase final. Estas obras estanse a levar a cabo compatibilizando a actividade asistencial. Así mesmo, os Orzamentos recollen un compromiso de 15,3 millóns de euros no 2026 para concluír as obras da fase I e outros 89,5 millóns plurianualizados para a fase final.

A maiores, Aneiros explicou que os Orzamentos tamén prevén os importes que se destinarán á Área Sanitaria de Ferrol para continuar coa dotación de equipamento para os centros de atención primaria e hospitalaria, así como para actuacións TICS. Así mesmo, aclarou que as contas da Xunta para 2025 tamén recollen os recursos necesarios para avanzar nos novos centros de saúde de San Xoán, en Ferrol; Cedeira ou Fene. Neste sentido, a delegada territorial matizou que o seguinte paso é que os Concellos poñan a disposición da Consellería de Sanidade os terreos para levalos a cabo.

INVESTIMENTO SOCIAL NOS ORZAMENTOS

Martina Aneiros destacou o incremento do gasto social nos Orzamentos de 2025, que por primeira vez supera os 10.000 millóns de euros. No caso da área territorial recolle, entre outras actuacións e programas, 1,5 millóns para completar a remodelación da residencia de maiores de Caranza. Así mesmo, contempla outros 500.000 para o centro de crise para a atención 24 horas ás vítimas de agresións sexuais de Ferrol, que se porá en marcha no último trimestre deste ano. A delegada territorial lembrou ademais que a Xunta manterá por terceiro ano consecutivo a gratuidade nas escolas infantís.

A maiores, destacou os 2,9 millóns de euros consignados para o inicio da Cidade do Deporte de Ferrol, “un investimento sen precedentes que pode converter este proxecto de Ferrol nun dos exemplos a seguir en materia deportiva en Galicia”. No tocante ao investimento en sostibilidade, Aneiros salientou os 2 millóns de euros destinados ao Polo de innovación tecnolóxica en enerxías renovables mariñas e almacenamento enerxético.

No ámbito educativo, puxo en valor o 2 millóns de euros consignados para levar a cabo a rehabilitación integral e ampliación do CIFP Leixa, os 2,1 millóns para continuar desenvolvendo as obras de ampliación do CPI As Mirandas, en Ares; e os 500.000 euros para un convenio co Concello de Ferrol para a mellora de colexios de Infantil e Primaria.

Por último, Martina Aneiros aludiu ao preto de medio millón de euros comprometidos nos Orzamentos 2025 pola Consellería do Mar para proxectos na zona, valorados en 5,4 millóns de euros. Entre eles destacou as obras de dragaxe do porto de Cariño, xa en marcha; a estabilización do noiro de Barallobre e o reforzo do de Mugardos; a dragaxe do porto de Pontedeume e o balizamento da canle de acceso a Ortigueira.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.