PUBLICIDADE

O conselleiro do Mar supervisa as obras de dragaxe do porto de Cariño

PorBisbarra

Xoves, 24 Outubro 2024 , , ,
Representantes autonómixos, de Portos de Galicia e locais visitaron as obras de dragaxe do porto de Cariño.Representantes autonómixos, de Portos de Galicia e locais visitaron as obras de dragaxe do porto de Cariño.

O Concello de Cariño avanza nas obras de dragaxe do porto, iniciadas a principios deste mes. Esta intervención conta coa colaboración da Consellería do Mar e Portos de Galicia. Así pois, trátase dun proxecto de gran importancia para o municipio e prevese a extracción de máis de 20.000 metros cúbicos de area na zona da costa de varada e os peiraos de atraque comercial interiores. Actualmente estase a executar a primeira das fases da actuación, que en total durará catro anos.

Con motivo desta obra, a alcaldesa de Cariño, Ana María López, recibiu a visita do conselleiro do Mar, Alfonso Villares; da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; e do presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez. A comitiva desprazouse ata o porto cariñés para comprobar o estado das actuacións.

A rexedora, acompañada polos concelleiros Alberto Balado e Laura García e varios técnicos municipais, explicaron ao conselleiro do Mar detalles da intervención. Así pois, explicou que parte dos áridos extraídos da dragaxe serán empregados para a rexeneración das praias próximas. Neste sentido, a parte sobrante será depositada en alta mar, a unhas sete millas do porto, nun punto de depósito autorizado.

PUBLICIDADE

PROXECTO DE DRAGAXE EN CATRO ANOS

Segundo as previsións, esta primeira fase terá unha duración de catro meses, polo que se espera finalice no mes de xaneiro. Paralelamente, a finais de ano comezarán as obras de mellora da iluminación da nave de redes, unha actuación coa que se dará resposta á demanda das traballadoras, que solicitaban contar con luz natural no interior da infraestrutura.

As seguintes fases do proxecto consistirán na dotación dun maior calado na zona comercial e na realización dun mantemento xeneralizado en toda a zona. Neste senso, xa que o plan desenvolverase durante catro anos, o Goberno local considera que haberá que ir repasando os puntos que se vaian desgastando co paso do tempo.

A rexedora cariñesa salientou que se trata dunha intervención de gran relevancia e que non se realizara ningunha obra deste calibre dende mediados dos anos 90. Pola súa banda, o conselleiro do Mar destacou que a Xunta está investindo 600.000 euros nas obras de dragaxe do porto de Cariño. Así mesmo, avanzou que Portos de Galicia está a traballar na tramitación das obras de reforzo do dique de abrigo de Cariño, que está pendente dos informes solicitados ao Goberno central.

Ademais destas obras de dragaxe, nos vindeiros meses tamén se realizarán traballos de renovación das luminarias do porto, que serán substituídas por tecnoloxía LED. Nesta intervención, Portos de Galicia investirá 90.000 euros. No tocante á renovación dos firmes portuarios, está prevista outra actuación valorada en 20.000 euros.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.