O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, participaron na inauguración oficial da área de estacionamento seguro e protexido do polígono de San Cibrao das Viñas. Grazas a este espazo, os profesionais do transporte de mercadorías xa contan con 59 prazas de aparcamento con todas as medidas de protección.
O titular do Goberno galego salientou a aposta da Xunta por mellorar a seguridade e condicións laborais dos e das transportistas. Pola súa banda, o presidente provincial asegurou que a Deputación de Ourense reafirma con esta iniciativa o seu compromiso co impulso ao desenvolvemento das áreas industriais, dando resposta ás demandas dos empresarios ourensáns.
O novo aparcadoiro seguro de San Cibrao, froito da colaboración entre Xunta, Deputación de Ourense e os empresarios do polígono, conta con 59 prazas nun recinto con perímetro pechado, control de acceso por matrícula, videovixilancia e unha área exclusiva para mulleres con vestiarios e aseos propios, así coma un botón de emerxencia que conecta directamente co 016.
![O estacionamento conta cunha área exclusiva para mulleres con vestiarios e aseos propios.](https://bisbarra.es/wp-content/uploads/2025/01/Estacionamento-seguro-San-Cibrao-das-Vinas3-1024x683.jpg)
Durante a inauguración do novo estacionamento, o presidente autonómico resaltou que este tipo de espazos están a deseñarse con perspectiva de xénero, co obxectivo de fomentar a incorporación das mulleres a unha profesión aínda moi masculinizada. “Hai poucas mulleres transportistas e un dos motivos é a necesidade de infraestruturas que garantan a seguridade mentres pasan a noite”, indicou Rueda.
COLABORACIÓN ENTRE ADMINISTRACIÓNS
O estacionamento é froito da colaboración entre a Deputación de Ourense, que financiou o 40% das obras, supoñendo unha achega de 200.000 euros; aportando o resto dos fondos a Xunta de Galicia, cun investimento total que acada os 500.000 euros. “Non hai Deputación que faga tantos acordos e compromisos coa Xunta como a de Ourense”, destacou o presidente provincial.
Así mesmo, Menor destacou o desenvolvemento das áreas industriais como “obxectivo estratéxico da Deputación” e asegurou que o novo estacionamento “será un exemplo de iniciativa pioneira en Ourense e Galicia”. Asemade, o presidente provincial apuntou que “como institución, non imos mirar cara outro lado cando se trata de apostar por un dos ámbitos que fai medrar esta provincia”.
Neste sentido, transmitiu o seu desexo de que en 2025 se poña en marcha a estación de mercadorías, proxecto clave “para que a industria ourensá poida ser máis competitiva”. Nesta mesma liña, engadiu outras reivindicacións como a depuradora, a conexión coa A-52 ou a propia ampliación do chan industrial do Polígono de San Cibrao das Viñas.
1.500 PRAZAS NAS CATRO PROVINCIAS
Rueda avanzou que o obxectivo do Goberno autonómico é chegar as 1.500 prazas para transportistas en aparcadoiros seguros e protexidos en polígonos das catro provincias. Con este obxectivo, neste ano haberá unha convocatoria de axudas para a habilitación deste tipo de espazos para vehículos pesados, dotada de 500.000 euros e que permitirá a creación de 250 prazas.
![A Xunta pretende habilitar 1.500 prazas de estacionamento seguras en polígonos das catro provincias.](https://bisbarra.es/wp-content/uploads/2025/01/Estacionamento-seguro-San-Cibrao-das-Vinas5-1024x683.jpg)
Na súa intervención, Rueda salientou o apoio do Goberno autonómico ao tecido produtivo de Galicia que son os que “xeran riqueza e emprego” a través de medidas como a Oficina Económica de Galicia, que permite axilizar os trámites para poñer en marcha un proxecto empresarial.
UN DOS POLOS INDUSTRIAIS DE MAIOR MOVEMENTO
Esta nova infraestrutura é unha demanda histórica dos profesionais do transporte. A Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas reivindica con este proxecto a solución para aliviar o exceso de vehículos pesados nas vías, proporcionándolle un lugar de estacionamento seguro.
Esta área rexistra un movemento anual de mercadorías superior aos tres millóns de toneladas, converténdose no principal polo industrial da provincia e un dos maiores de Galicia.
A posta en marcha mellorará as condicións de descanso dos traballadores, cun servizo que ademais favorece o relevo xeracional na profesión e a incorporación da muller a un colectivo fortemente masculinizado.