A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela, visitou ao alumnado do obradoiro dual de emprego Lavadoiros de Ferrol 1. Este está promovido polo Concello cun investimento de preto de 206.000 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e case 70.000 euros das arcas municipais. Na visita tamén estivo presente o director territorial da Consellería, Juan José Couce; e o concelleiro de Emprego, Javier Díaz Mosquera.
Os dez participantes formaranse durante 9 meses na especialidade de fábricas de albanelería. Como en todos os obradoiros duais de emprego, o alumnado completará a súa formación teórica con diferentes actuacións de mellora das dotacións públicas. Neste caso, executarán a reparación dos lavadoiros da Feira do Dous, en Serantes; Pedreira, en Covas; Vila da Igrexa, en San Xurxo; e o lavadoiro de Covas.
Entre as tarefas que levarán a cabo están a substitucións de cubertas por outras de lousa e dos canlóns e baixantes por outros de zinc, limpeza e reparación de paramentos e posterior revestimento con morteiro de cal, colocación de asentos de granito moreno sobre muros ou embelecemento da cantería de pedra.
Aneiros interesouse polo grao de satisfacción do alumnado co itinerario formativo e animounos a aproveitar ao máximo esta oportunidade para reinsertarse no mercado laboral “cun perfil máis cualificado e enfocado ás demandas reais das empresas”.
Pola súa banda, o rexedor insistiu en que o traballo do alumnado “terá un impacto directo na recuperación do importante patrimonio de lavadoiros que Ferrol atesoura”. Así mesmo, incidiu en que se trata dun “traballo vital para que estes lavadoiros non só volvan ser útiles, senón que tamén axuden a poñer en coñecemento o noso patrimonio tradicional e contribúan ao embelecemento da zona”, concluíu.
COLABORACIÓN ENTRE ADMINISTRACIÓNS
A representante do Goberno galego destacou a importancia da colaboración entre administracións para mellorar a empregabilidade da veciñanza de Ferrolterra e puxo á súa disposición as axudas e programas autonómicos.
Este é un dos catro obradoiros duais de emprego que a Xunta financia este curso 2024-2025 en Ferrolterra cun investimento de 1,3 millóns de euros. Deles beneficiaranse 65 persoas en situación de desemprego, priorizando a aquelas con dificultades para acceder ao mercado laboral.