Esta mañá, nas instalacións de Ecocentro SC, situadas entre O Meire (Melide) e Orosa (Palas de Rei) tivo lugar un acto que será a antesala do que sucederá na xornada de mañá: batirase o récord da tortilla máis grande do mundo.
Manuel Casal, xerente de Ecocentro SC, convidou a coñecer o centro de traballo a representantes políticos, medios de comunicación e á veciñanza en xeral que quixo achegarse ata o lugar. A firma promotora conta con tres décadas de experiencia na produción de ovos procedentes de galiñas que viven en liberdade. Ao acto desta mañá asistiron, Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, acompañada da directora-xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, xunto a alcaldes da contorna.
A xornada máis esperada, será mañá ao mediodía, onde en pleno cantón de San Roque en Melide se realicen os traballos para batir o récord da tortilla máis grande do mundo.
Durante esta fin de semana a localidade melidense acolle a I Feira do ovo campeiro como expoñente que exemplifica e contribúe a visualizar os resultados da unión entre tradición, calidade e sostibilidade no sector agroalimentario.