PUBLICIDADE

O Plan Único investiu 252 millóns de euros nos concellos da comarca de Santiago

Ordes recibiu máis de 15,4 millóns de euros desde a creación do plan e financiou 54 obras no municipio

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Plans, Cristina García, visitaron hoxe o Concello de Ordes, onde foron recibidos polo alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, e polos portavoces dos grupos municipais da corporación. No salón de plenos mantiveron un encontro institucional no que explicaron a importancia e fixeron balance do impacto do Plan Único (POS+) nos concellos da comarca de Santiago.

Durante a reunión, Formoso destacou que o Plan Único consolidouse como “a principal ferramenta inversora da Deputación nos concellos” e subliñou que o modelo permite que cada municipio decida con plena autonomía o destino dos fondos provinciais, tanto para executar obras como para reforzar servizos municipais ou impulsar programas sociais.

O presidente provincial salientou que a primeira achega do POS+2026 supón unha inxección de 25,3 millóns de euros para os concellos da comarca de Santiago, incluindo “investimentos que permiten mellorar infraestruturas básicas, renovar servizos municipais e atender necesidades sociais, pero tamén de garantir o funcionamento diario dos concellos e a calidade de vida da veciñanza”, afirmou.

PUBLICIDADE

Formoso lembrou tamén a necesidade de mellorar o financiamento municipal en Galicia e sinalou que só a través do Plan Único, a  Deputación investiu o pasado 138 millóns nos concellos da provincia da Coruña,  20 millóns que a Xunta de Galicia nos 313 concellos galegos a través do Fondo de Cooperación Local.

Por iso, reclamou á administración autonómica que incremente este fondo ata acadar un mínimo de 200 millóns de euros para reforzar a capacidade financeira dos municipios. “Estamos pasando un momento económico difícil para os concellos. O incremento do custe dos servizos é importante e creo que todos temos que facer un esforzo neste ámbito”, subliñou o presidente, que afirmou que isto é visible en que os concellos destinan cada vez unha maior parte dos fondos do POS+ a gasto corrente: “os alcaldes e alcaldesas, que teñen a aspiración de dedicar o 100% dos fondos do POS a investimentos tanxibles como beirarrúas, unha humanización, unha escola infantil ou unha biblioteca teñen cada vez menos marxe para facer iso e teñen que adicar máis a gasto corrente. Esa é a fotografía na maioría dos concellos da provincia”, afirmou.

O presidente destacou tamén que o impacto do Plan Único na comarca é xa moi significativo. Desde a súa posta en marcha, mobilizou máis de 252,2 millóns de euros e permitiu executar 1.294 obras nos municipios da comarca de Santiago, converténdose nunha ferramenta clave para o desenvolvemento local e a mellora dos servizos públicos municipais.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.