No Día Mundial das Abellas o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) alerta da difícil situación que atravesa o sector apícola en Galiza, advertindo do posíbel risco de desaparición da abella apis mellifera no noso territorio, un insecto fundamental na polinización e no mantemento dos nosos ecosistemas.
ALTA MORTALIDADE
Este 20 de maio o Sindicato Labrego Galego fai un balance de como foi o último ano no sector. Cómpre destacar a altísima mortaldade que se sufriu este inverno, que, en moitos casos, superou o 50%, sendo un ano especialmente virulento. Na última década dende o SLG “constatamos unha mortaldade acumulada superior ao 40%. Esta situación pon en risco a supervivencia de moitas granxas apícolas. As perdas supoñen dificultades engadidas na primavera próxima para obter o número suficiente de colonias coas que obter o mel e xerar os ingresos que permitan facer da actividade apícola unha actividade agraria da que vivir”.
Son moitas as mozas e os mozos que nos últimos anos decidiron incorporarse á actividade agraria no sector apícola, entendéndoo como un sector anovado que non precisas grandes investimentos para comezar, o que fai que a mocidade se sinta atraída cara a el. Con todo, os múltiples problemas que atravesa poñen en perigo o porvir destas novas granxas, proxectos cun futuro por construír e que contribúen ao mantemento do medio rural vivo e á salvagardar da abella e do seu importante papel no medio ambiente.
Á praga da vespa velutina –que non atopa unha resposta eficiente dende a Xunta de Galicia e cada ano vai a máis, causando baixas en todas as granxas apícolas do país- e ao avance das enfermidades temos que sumarlle como risco para o sector as importacións masivas de mel e suposto mel: o chamado “ fraude do mel”. Trátase de produtos que entran na UE a un prezo medio de 1,5€, co beneplácito das institucións estatais e europeas, o que fai que sexa moi difícil para as granxas do noso territorio competir con eles.









