PUBLICIDADE

Falece Severino Escurís Batalla, empresario e presidente honorífico de Actemsa, aos 100 anos de idade

PorBisbarra

Mércores, 11 Febreiro 2026 , , ,
Severino Escurís Batalla, empresario e presidente honorífico Actemsa, que faleceu hoxe mércores a idade de 100 anosSeverino Escurís Batalla, empresario e presidente honorífico Actemsa, que faleceu hoxe mércores a idade de 100 anos

Severino Escurís Batalla, empresario e presidente honorífico de Actemsa, na Pobra do Caramiñal, compañía dedicada á importación e exportación de peixes conxelados e ao procesado de túnidos, faleceu este mércores aos 100 anos de idade.

A capela ardente cos seus restos mortais quedará instalada este mércores ás catro da tarde no tanatorio Jesús Nazareno da Pobra. O funeral polo seu eterno descanso terá lugar este xoves ás 16:30 horas.
O pasado mes de maio, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, entregoulle a Medalla de Anfaco á traxectoria empresarial «en recoñecemento a unha vida enteira dedicada ao desenvolvemento do sector conserveiro galego».

En xullo de 2025 recibía tamén o recoñecemento ao mérito empresarial nun acto celebrado no Teatro-Cinema de Elma, impulsado polo Concello e a Asociación de Empresarios, Comerciantes e Traballadores Autónomos Poboa do Caramiñal (AEPuebla), coa colaboración da Deputación provincial da Coruña. E en agosto recibía o Premio PEL á traxectoria empresarial de mans do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

PUBLICIDADE

Nado o 18 de xullo de 1925 en Rianxo, trasládase á Pobra do Caramiñal aos 14 anos. En 1942, con 17 anos, Severino Escurís entra na empresa familiar e converténdose nun dos representantes dunha xeración única, a de empresarios feitos a si mesmos, que deseñaron o progreso de Galicia desde a postguerra, sen máis recursos que a súa imaxinación e a súa vontade de emprender.

Severino Escurís Batalla, empresario e presidente honorífico Actemsa, que faleceu hoxe mércores a idade de 100 anos

En 1963 a empresa Escurís inicia a súa expansión cunha segunda fábrica en Escarabote (Boiro) e en 1970 comeza a ampliar as súas instalacións da Pobra. Nestes anos, Severino Escurís participa na creación de Albacora, primeira frota atunera do mundo.

O final dos anos 70 marca o camiño da internacionalización, coa creación dunha empresa de elaboración de berberechos en Holanda, Cardium Edule, e ademais comézase a construír un xigante da industria conserveira: a planta de Baiuca, na Pobra do Caramiñal.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.