O Concello de Beariz rematou as obras de renovación da cuberta do centro social local. Mentres que a administración local foi a executora das obras, a Xunta financiounas con 48.300 euros. Para comprobar o resultado da intervención, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou o centro social de Muradás. Fíxoo acompañado do alcalde, Manuel Prado.
A actuación consistiu no cambio da tella e a instalación dunha lona térmica sobre un falso teito. Isto permitiu eliminar filtracións e mellorar a eficiencia enerxética do inmoble. Ademais, colocáronse dúas ventás no propio tellado e mellorouse o sistema de iluminación para reducir o consumo.
Este inmoble leva máis de 25 anos acollendo diferentes actos e encontros organizados pola veciñanza. Neste sentido, o xerente do Consorcio destacou que as accións financiadas están destinadas a mellorar o día a día dos veciños e veciñas de Beariz. Asemade, supoñen unha posta a punto dunha infraestrutura que forma parte da historia da vila e contribúe á dinamización social.