A policía acudiu á Praza de Abastos a primeira hora pola aparición do corpo sen vida do praceiro Antonio Costa que faleceu tras unha discusión
A policía investiga o suposto homicidio do propietario da carnicería Chelo & Muñico, Antonio Costa, cuxo corpo sen vida apareceu esta mañá na Praza de Abastos de Santiago. Varias dotacións da policía nacional e local desprazáronse a primeira hora ata o lugar dos feitos, o cal foi acordoado, para realizar as primeiras pesquisas e posteriormente para o levantamento do cadáver.
As primeiras informacións indican que o Antonio Costa foi atacado por varios homes esta madrugada, contra as 05:00 horas que era cando, segundo outros praceiros, o propietario da coñecida carnicería Chelo & Muñico comezaba a traballar.
Según o vixiante do mercado, que foi ferido cando intentou deter a trifulca, produciuse unha forte discusión entre tres persoas que accederon á Praza de Abastos e o praceiro, que intentou defenderse cunha barra, que lle foi arrebatada e coa que un dos tres atacantes cometeu o suposto homicidio.
O xuíz de instrución decretou o secreto do sumario, e segundo as últimas informacións xa hai dúas persoas detidas. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, lamentou o falecemento do praceiro, e indicou que “esperemos que se esclarezan os feiotos o máis rápido posible”.