O Festival Internacional Cinema Miúdo, que coverterá Ames na capital do cinema infantil do 14 ao 17 de novembro, está adicado aos pioneiros do celuloide
A rapazada do concello de Ames viaxará ás orixes do cinema, do 14 ao 17 de novembro, nunha nova edición, a sétima, do Festival Internacional de Cine Infantil – Cinema Miúdo adicado aos pioneiros do cinema e que se desenvolverá nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns.
Así, a partir do vindeiro 14 de novembro, a cativada de todas as idades poderá participar e desfrutar dunha ampla programación que inclúe proxección de curtametraxes, obradoiros e diferentes actividades vencelladas ao mundo do celuloide deste VII Festival Internacional de Cine Infantil – Cinema Miúdo que ten como lema As orixes do Cinema.
Así, Cinema Miúdo convida á cativada e á mocidade a unha viaxe pola historia da sétima arte, dende os clásicos do cinema mudo ata as animacións e traballos máis contemporáneos. Unha das novidades este ano, son as sesións Pioneiros da Animación e Pioneiros da Comedia, na que se poderá desfrutar cos enxeñosos gags de Charlie Chaplin, Harold Lloyd ou Buster Keaton, así como das primeiras, rudimentarias e innovadoras técnicas de animación.
Durante a presentación do Festival Internacional Cinema Miúdo, o seu director, Juan de Castro, dirixiuse aos nenos e nenas e díxolles “recoméndovos vir a Cinema Miúdo porque nesta edición imos a poñer máis de 70 curtametraxes. Este festival é dos máis importantes de España, porque temos moitas curtametraxes que se van estrearse aquí en Ames“.
Ides ser dos primeiros nenos e nenas que van ver moitas das curtametraxes que se van proxectar aquí. Ademais, imos a ter uns obradoiros nos que ides poder construír unha cámara de fotos e tamén poderedes revelar as vosas fotos. Tamén haberá actuacións e a proxección dunha película. Ides aprender moito a través das curtas que ides poder ver”
Dentro da programación, a Selección Oficial do festival Cinema Miúdo estará formada por 52 curtametraxes das cales sete serán proxectadas por primeira vez en España e outras 14 son primicia en Galicia. A selección de curtametraxes de diferentes países permitirá á cativada descubrir realidades culturais distintas e ampliar a súa visión do mundo. As curtametraxes da Selección Oficial están divididas en dous bloques: Axóuxeres, para nenas e nenos de entre 2 e 7 anos; e Buxainas, para maiores de 7. Tamén haberá sesións especiais para escolares o xoves e venres pola mañá.
Todas as curtametraxes aspiran a alzarse cos premios do público e do xurado. No primeiro caso, serán os pequenos espectadores os que emitan o seu veredicto ao remate de cada sesión. No segundo, cóntase con tres profesionais do sector: o ilustrador de cómics e director de animación, Martín Romero; a directora e animadora portuguesa, Alexandra Ramires; e o director da Editorial OQO, Xoán Couto.
A Máquina Fantástica, obradoiro de fotografía analóxica do Cinema Miúdo
O obradoiro A Máquina do Fantástica convida ás nenas e nenos de Ames a explorar as orixes da fotografía. O taller terá lugar o sábado 16 na Casa da Cultura de Bertamiráns e o domingo 17 na do Milladoiro, ambos a partir das 10:30 horas. As prazas son moi limitadas e é preciso formalizar a inscrición a través do correo electrónico actividades@abella.gal, indicando nome, ideade e teléfono.
O taller ofrece a oportunidade de crear de maneira sinxela e artesanal a súa propia cámara fotográfica estenopeica, un dispositivo sen lente, que consiste nunha caixa estanca cun pequeno orificio polo que entra a luz, o estenopo, e un anaco de película no que se plasmará a imaxe. A través desta experiencia práctica, os nenos aprenderán como a luz pode transformarse en imaxes dentro dunha caixa escura e como fixar esas imaxes en papel fotográfico utilizando técnicas clásicas de revelado.
Ademais de cine, contarase con dúas actuacións nas galas de inauguración e clausura do certame. A inauguración, o venres 15, a partir das 17:00 horas, estará amenizada por Rudi Dudi e o seu espectáculo de comedia xestual. E, na clausura, o domingo 17 de novembro (18:30 horas) contarase cun dúo musical moi cinéfilo: Caspervek, que nos levará nunha viaxe pola historia da música no cinema a través dun concerto didáctico e interactivo.
Cinema Miúdo otorga un premio para homenaxear ao Hematocrítico
O alcalde do Concello de Ames, Blas García, destacou durante a presentación do Festival Cinema Miúdo, que o certame “ten como o obxectivo de traballar cos nenos uns valores e que son moi importantes que adquirades”, e fixo unha meción especial a Miguel López, O Hematocrítico, que faleceu este ano e que nesta edición o premio, á curtametraxe vencellada á literatura infantil, levará o seu nome. O Hematocrítico formou parte do xurado da pasada edición de Cinema Miúdo.
Aproveito a ocasión para recomendarvos os libros que deixou escritos Miguel López, porque son moi axeitados para a vosa idade, co cal ademais de renderlle unha homenaxe nós aquí neste festival, convídovos a ler no colexio e na casa os libros do Hematocrítico”
Asemade, e tamén como novidade desta sétima edición de Cinema Miúdo, se incluirá o Premio Escolar, que se levará a curtametraxe máis aplaudida durante as sesións dirixidas ao alumnado dos centros educativos.
O Concello de Ames informou durante a presentación de Cinema Miúdo, á que acudiron 60 alumnos de 3º de Primaria do CEIP Agro do Muíño, ten dende a pasada semana as entradas e os abonos a disposición do público na billeteira electrónica municipal; e os abonos para todo o festival teñen un prezo de 3 euros.