A recadación do partido solidario de Liga entre o Bertamiráns e o Bastavales, organizado polo Concello e o club local destinarase ao programa Vacacións en Paz
O partido solidario, que todos os anos organizan conxuntamente o Concello de Ames e o Bertamiráns CF e que enfrentou na xornada de Liga ao equipo local co Bastavales UD o pasado 10 de novembro, conseguiu unha recadación de 1.600 euros que se destinarán aos campamentos de refuxiados saharauis, e a sufragar os gastos do programa Vacacións en Paz que organiza Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps).
A representante na comarca de Sogaps, Esther Ybarra, agradeceu “ao Concello de Ames e ao Bertamiráns FC a colaboración para poder realizar esta iniciativa marabillosa que tivo un gran éxito. Sabemos as dificultades polas que pasan os clubs, e non é doado ceder unha taquilla enteira dun partido importante como foi a deste domingo”.
Pola súa banda, a concelleira de Deportes de Ames, Susana Señorís, dixo que “dende o Concello mantemos unha estreita relación con Sogaps e neste caso colaboramos nesta iniciativa porque todo o recadado está destinado a poder seguir ofrecendo axuda nos campamentos saharauís. Con estas pequenas iniciativas o que queremos desde aquí é mostrar que Ames é un concello solidario, que sempre colabora cando é máis necesario”.
As cifras do partido solidario a prol de Sogaps
En total, recadáronse 1.600 euros, dos cales 1.145 euros corresponderon á venda de entradas e 455 euros pola venda de rifas. Asistiron ao partido 229 persoas que pagaron pola entrada 5 euros. As rifas vendidas foron para o sorteo de varios produtos: dúas cestas de froita cedidas por Xuntanza de Empresarios de Ames, unha cea para 4 persoas na Parrillada Milongas, unha planta de Agroxardín, varias mochilas de Atmósfera Sport Santiago, e un balón de fútbol da Champions League, de Goalkers Bertamiráns.
Ademais, o domingo durante todo o día estivo instalado na área deportiva de Bertamiráns un stand solidario para dar información sobre o programa de acollemento Vacacións en Paz e sobre a asociación Sogaps.