PUBLICIDADE

O Trofeo Cidade de Narón de natación reúne esta fin de semana preto de 200 deportistas

Presentación do Trofeo Cidade de Narón-Memorial Javier Lago que se disputa esta fin de semana na piscina da GándaraPresentación do XXXII Trofeo Cidade de Narón - XXII Memorial Javier Lago que se disputa esta fin de semana na piscina da Gándara

O Trofeo Cidade de Narón-Memorial Javier Lago contará coa participación de nove clubs galegos e desenvolverase na piscina municipal da Gándara

O XXXII Trofeo Cidade de Narón-XXII Memorial Javier Lago chega de novo á piscina municipal da Gándara, da localidade de Ferrolterra, reunindo a un total de nove clubs de natación de toda Galicia, nunha xornada de alto nivel competitivo.

O Trofeo Cidade de Narón, organizado pola Agrupación Deportiva Náutico de Narón coa colaboración do Padroado de Deportes do Concello, trátase dunha das probas máis lonxevas e prestixiosas do calendario galego. Na presentación do evento estiveron presentes o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, o presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero e a entrenadora Arantza Rivas.

Santalla subliñou “a importancia de apoiar iniciativas como esta que combinan a promoción da actividade física co fomento dos valores deportivos e o traballo en equipo, especialmente entre a mocidade”. Desde a AD Náutico de Narón, Guerrero destacou “o labor da Agrupación na promoción do deporte base e na
consolidación dunha cita que leva décadas situando a Narón como referente no ámbito autonómico” e Rivas remarcou “o compromiso dos nadadores e nadadoras locais, que cada ano demostran o seu alto nivel nunha competición xa emblemática”.

PUBLICIDADE

O campionato desenvolverase en piscina de 25 metros, con cronometraxe manual, e contemplará as probas tradicionais nas modalidades de estilo libre, costas, braza, bolboreta e estilos, xunto cos relevos mixtos 4×50 libre.

Nesta XXXII edición estarán presentes os clubs CN Xove, CN Arteixo, CN Coruña, CN Culleredo, CN Ferrol, Marina Ferrol, CN Cedeira, CDN Ciudad de Santiago e a AD Náutico de Narón. O club anfitrión contará desta volta con 14 representantes, situándose entre as entidades con maior presenza xunto co CN Arteixo e o CN Ferrol.

En total, serán preto de 200 nadadores e nadadoras os que se lancen á piscina da Gándara. Entre os máis destacados figuran Lucía Vilarnovo (CN Ferrol), Paula Albes e Icía López (AD Náutico de Narón), o internacional Nicolás Astigarrabia (Marina Ferrol), Teo Sanesteban (Marina Ferrol), Daniel Meizoso (AD Náutico de Narón) e Óscar Etayo (CN Coruña), referentes das súas categorías e con marcas que prometen unha competición de alto nivel.

O Trofeo disputarase a partir das cinco da tarde e estará aberto ao público xeral. O Concello de Narón convida á cidadanía a achegarse á piscina da Gándara para apoiar os participantes e gozar dunha tarde de competición que consolida a Narón como referente da natación galega.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.