PUBLICIDADE

A Xunta financia a reforma do inmoble de Aspanaes en San Pedro de Leixa

PorBisbarra

Venres, 4 Outubro 2024 , ,
Aneiros comprobou o estado da reforma do inmoble de Aspanaes en San Pedro de Leixa.Aneiros comprobou o estado da reforma do inmoble de Aspanaes en San Pedro de Leixa.

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o servizo de atención residencial e diúrna de Aspanaes, en San Pedro de Leixa. O obxectivo era de comprobar o resultado das obras que a entidade está a acometer con cargo a unha axuda autonómica. Dita achega está destinada á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto da sociedade que xestiona a Consellería de Política Social e Igualdade.

Así pois, Aspanaes foi receptora dunha subvención de 80.890 euros para acometer unha serie de reformas interiores e de modernización de zonas comúns do inmoble, coa fin de adaptar os espazos ás necesidades dos usuarios. Así, substituíuse o pavimento vinílico e o rodapé existente e colocáronse novas portas semimacizas de madeira e os marcos de dúas ventás fixas da zona de cafetería. Ademais acometéronse novas soleiras interiores nas fiestras a base de chapa de aluminio anodizado e procedeuse ao pintado dos paramentos verticais e horizontais dos espazos.

Durante a visita, a delegada territorial aproveitou a ocasión para poñer en valor o traballo que Aspanaes desenvolve. Neste sentido, salientou a atención ás persoas usuarias con autismo na súa etapa de vida adulta e a mellora da súa calidade de vida. Actualmente, a Xunta de Galicia financia no centro 30 prazas de atención residencial terapéutica e outras sete prazas de atención diúrna terapéutica.

PUBLICIDADE
Martina Aneiros escoitou as peticións dos usuarios de Aspanaes.
Martina Aneiros escoitou as peticións dos usuarios de Aspanaes.

CONVOCATORIA DE 2024 ABERTA

Aneiros lembrou que as entidades do terceiro sector de acción social teñen de prazo ata o 21 de outubro para presentar as solicitudes á convocatoria de 2024. Esta conta cun orzamento de 27,8 millóns de euros para actuacións no ámbito da familia, infancia e dinamización demográfica; de inclusión social, de promoción da autonomía persoal e apoio de persoas con discapacidade, proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas con discapacidade ou proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas en situación ou risco de exclusión social.

Tamén serán subvencionables con cargo a esta convocatoria as actuacións de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, de promoción da autonomía persoal de apoio a persoas maiores e dependentes e proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas maiores e a persoas dependentes ou de centros destinados á infancia do sistema de protección e reforma xuvenil.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.