A piscina municipal de Oroso pechou a tempada de verán cun balance positivo de participación, tras contabilizar 8.864 entradas entre os meses de maio e setembro e un total de 628 abonados, o que supón un incremento de arredor do 20 % respecto da media dos anos anteriores, situada nos 520 abonados, consolidando así o crecemento no uso deste equipamento municipal.
O alcalde de Oroso, Alex Doval, valorou estes datos como “unha mostra da boa acollida que ten a piscina entre a veciñanza e da importancia de contar durante o verán con instalacións e servizos públicos que ofrezan alternativas de lecer para todas as idades”.
Doval destacou tamén que “superar as 8.800 entradas e incrementar nun 20 por cento o número de abonados respecto da media dos últimos anos é un balance moi positivo, pero tamén un estímulo para seguir mellorando os servizos que ofrecemos á veciñanza”.
O Concello de Oroso pecha así unha nova tempada estival na piscina municipal cun incremento da utilización das instalacións e unha elevada participación durante os meses de maior actividade, confirmando o peso deste equipamento dentro da oferta municipal de lecer durante o verán.



