O xurado do VII Premio Laudamuco, que convocan o Concello de Brión e Edicións Positivas, elixiron o traballo do zamorano e do madrileño Vento mareiro non dá voltas
O VII Premio Laudamuco para textos teatrais, que convocan o Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas, xa ten a obra gañadora. O texto Vento mareiro non dá voltas, escrito conxuntamente polo zamorano Julio Fernández Peláez e o madrileño Alberto de Casso Basterrechea, foi o elixido polo xurado desta edición do certame que se convocou baixo o lema Acacia.
O xurado desta nova edición do Premio Laudamuco, e que foi entregado onte durante un acto en Brión, decantouse por Vento mareiro non dá voltas “pola súa estrutura dramatúrxica que, tan só con dous personaxes, a través de entretecidos monólogos e fluídos diálogos, introduce ao lector de forma sutil nun contexto de convicencia veciñal cotiá para levarnos aos grandes temas da actualidade como a ecoloxía ou o racismo”, dixo Inma López Silva dando lectura ao fallo do xurado, durante o acto de entrega do premio.
Así, Julio Fernández e Alberto de Casso reibiron un premio de 7.000 euros, o de maior dotación económica dos premios anuais de teatro en Galicia, unha figura conmemorativa deseñada polo artista, recentemente finado, Xosé Vizoso, e a edición da obra, que foi repartida entre o máis de medio cento de persoas que asistiron ao acto de entrega.
Julio Fernández, que recibiu o premio tamén en nome do seu compañeiro Alberto de Casso que non puido asistir ao acto, destacou a dificultade que entrañou escribir Vento mareiro non dá voltas “a catro mans, porque somos dous escritores totalmente diferentes e foi un traballo de poñernos de acordo sobre a maneira de escribir, que queriamos contar e como, e ao final o obxectivo cumpriuse”.
O coautor da obra recoñeceu, tras recibir el IV Premio Laudamuco para textos teatrais, que “a escrita é unha maneira de activismo e penso que así se ve neste traballo. Se vivimos nun mundo e non contemplamos as desgrazas que pasan nel, posiblemente non poidamos reaccionar”, e explicou que adoita escribir en castelán, mais que “foi un privilexio escribir en galego, nesta lingua tan marabillosa”.
O seu compañeiro De Casso, enviou unha mensaxe para lamentar a súa ausencia do acto en Brión, e no que destacou sentirse “moi honrado co premio e máis aínda se este publícase na lingua galega, tan vella e tan nova como é o mesmo teatro. Estou impaciente por ter algún exemplar do libro impreso”, sinalaba nunha mensaxe na que agradecía tamén a concesión do mesmo a Vento mareiro no dá voltas.

Vento mareiro non dá voltas estende a súa trama no seo dunha familia de clase acomodada na que o detonante é a tala dunha acacia de Constantinopla. Co ecoloxismo, o fascismo e a migración latexando no fondo, a obra configura unha metáfora social que desvela a incapacidade do ser humano para reaccionar fronte á ausencia de sensibilidade.
O teatro galego pasa momentos delicados e só sentimos o apio de concellos pequenos como Brión, Vimianzo ou Monforte. E grazas a eles se está mantendo. Boto en falla que concellos grandes como Santiago, A Coruña, Ourense, Lugo ou Pontevedra non respondan coa contundencia que deberían responder” (Eduardo Alonso, vicepresidente da Academia Galega de Teatro)
O IV Premio Laudamuco para textos teatrais recibiu un total de 33 traballos nesta edición dun certame grazas ao cal “creáronse nestes anos máis de 275 obras de teatro en galego, unha cifra que agardamos siga medrando nos próximos anos”, indicou o alcalde de Brión, Pablo Lago., durante o acto. O rexedor temén felicitou aos autores da obra gañadora “polo voso traballo e polo voso respecto á nosa lingua”.
Tras ler o fallo do premio, o xurado fixo constar a súa preocupación “polo baixo nivel de corrección lingüística da maioría dos textos presentados, condición que dificultou seriamente o veredicto final”. O xurado estivo conformado por Inma López Silva, Xulio Lago Alonso, Nieves Lema Vilariño, Francisco Otis Ríos e Manuel Xestoso González.



