PUBLICIDADE

O Gran Premio de Supercross Concello de Ames reúne a 43 pilotos no circuíto SX Álex de Moure

Os vecedores do Gran Premio de Supercross por categorías foron Valentino Vázquez, Federico Sánchez, Rubén Duraiz, Bryan Martínez, Thiago Rodríguez, David Cortizo e Álex González

O Gran Premio de Supercross Concello de Ames 2025, organizado polo Motoclub Ameixenda coa colaboración do Goberno local, disputouse o pasado sábado no circuíto SX Álex de Moure no lugar do Vilar. Trátase dunha proba da Galicia League Crono Racing, un evento deportivo a nivel autonómico e non federado, no que participan os mellores pilotos de supercross da comunidade.

Os amesáns, Jorge Paradelo e José Manuel Moure, subiron ao podio do Gran Premio ao rematar na segunda e terceira posición nas categorías pro e amateur, respectivamente, dunha proba na que participaron un total de 43 pilotos, dos cales remataron 37. Os participantes inscritos na proba estiveron divididos en 7 categorías diferentes: pro, elite, amateur, 85cc, 65cc, 50cc +6 anos e 50cc -6 anos.

Pola mañá desenvolvéronse as verificacións técnicas e administrativas do Gran Premio de Supercross. De seguido, os pilotos participaron nos adestramentos libres e de clasificación. Xa pola tarde, a partir das 17:00 horas, realizáronse as probas de competición que estiveron composta de dúas mangas por categoría.

PUBLICIDADE

Gañadores por categorías do Gran Premio de Supercross Concello de Ames 2025

Na categoría pro gañou Valentino Vázquez; segundo foi o piloto amesán, Jorge Paradelo; e terceiro quedou Jacobo Román. Por outra banda, na categoría elite o gañador foi Federico Sánchez, segundo quedou Anxo Cabrero, e terceiro foi Alberto Fernández.

Ademais, na categoría amateur o primeiro clasificado foi Rubén Duraiz, segundo Juan José Vieito, e terceiro o piloto amesán, Jose Manuel Moure. Na categoría 85cc gañou Bryan Martínez, segundo quedou Álvaro Torres e terceiro foi Brais Gómez.

No grupo dos 65cc o primeiro clasificado foi Thiago Rodríguez, seguido de Noel Carracedo e Iker Martínez. Na categoría 50cc +6 os tres primeiros clasificados foron David Cortizo, Hugo Lago e Naamy Martínez. Por último, na categoría 50cc -6 o primeiro foi Alex González, segundo Owen Prado e terceiro Lucas Rargmakea.

Cómpre destacar que houbo dúas pilotos inscritas pero non puideron competir na categoría de féminas ao non haber suficientes mulleres inscritas. Unha delas participou na categoría masculina amateur e outra en 65cc.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.