A Consellería do Medio Rural organizou en Ourense unha charla informativa para concienciar aos gandeiros nas implicacións da dermatose nodular contaxiosa. Nesta participaron o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. A xornada tivo lugar no salón de actos da Delegación da Xunta na cidade de Ourense, e nela lembráronse tamén as medidas de bioseguridade preventivas establecidas pola Xunta para protexer á cabana bovina galega.
Asemade, esta semana celebrouse unha charla en cada provincia da comunidade galega. Ademais de Ourense, tiveron lugar nos concellos de Ordes, Lugo e Lalín. Nelas, explicáronse as características desta enfermidade e as medidas establecidas na normativa comunitaria no caso da súa aparición; así como as condicións sinaladas actualmente para a vacinación.
Medidas tomadas en Galicia
Nestes encontros incidiuse tamén nas medidas preventivas que seguen vixentes en Galicia ata o vindeiro 31 de marzo, podéndose ampliar este prazo en función da evolución epidemiolóxica da doenza. Así, están permitidas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando con finalidade comercial, pero só poderán asistir animais procedentes de explotacións galegas. Con todo, os vehículos que veñan de fóra da comunidade deberán acceder ás instalacións baleiros, limpos, desinfectados e desinsectados.
En relación coa celebración extraordinaria de concursos, certames, poxas e exhibicións, continúa sendo precisa a autorización previa da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, no seu caso tamén con asistencia só de animais de explotacións galegas.
Mantense a vixencia do período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os bovinos procedentes de fóra da comunidade -con destino a vida-, dende a data da súa incorporación á explotación de destino na nosa comunidade. Todos os animais das granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados durante o mesmo período de tempo. Esta inmobilización afectará aos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos novos animais.
Ao mesmo tempo, continúa sendo obrigatorio desinsectar os bovinos presentes na explotación á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia, tanto para vida como para sacrificio, e, neste último caso, manténdose a posibilidade da súa entrada sempre que sexan trasladados directamente a matadoiro.
Peticións ao Ministerio de Agricultura
Por parte da Consellería do Medio Rural segue a emitirse unha mensaxe de tranquilidade, tanto para o sector como para a cidadanía en xeral, xa que non hai constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia. Asemade, cómpre lembrar que a enfermidade non se transmite ás persoas.
Con todo, segue a demandarse ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación máis implicación, así como unha estratexia clara de coordinación entre todas as comunidades autónomas para o control eficaz desta enfermidade. A fin é implementar medidas homoxéneas que dean certezas e seguridade ao sector gandeiro, especialmente no caso de ter que poñer en marcha indemnizacións.
Reclámase tamén ao Goberno central que lidere de forma xurídica e económica, no marco da Unión Europea, o desenvolvemento dunha vacina marcada que poida administrarse de xeito preventivo, para así reducir o risco de aparición desta enfermidade nas explotacións de gando vacún. Solicítase tamén unha modificación na normativa comunitaria da categoría da enfermidade, actualmente cualificada como A- a máis grave das existentes, tendo en consideración que non é zoonótica. Ambos asuntos foron tamén trasladados ao comisario europeo de Agricultura e Alimentación no marco da reunión mantida a semana pasada polo presidente da Xunta en Bruxelas.




