PUBLICIDADE

Aprobado o proxecto de Abrir Ferrol ao mar no entorno do Arsenal, Ferrol Vello e A Magdalena

PorBisbarra

Mércores, 7 Maio 2025 ,
O proxecto Abrir Ferrol ao Mar, entorno do Arsenal, Ferrol Vello e A Magdalena conta cun orzamento de 5.542.867,18 euros.O proxecto Abrir Ferrol ao Mar, entorno do Arsenal, Ferrol Vello e A Magdalena conta cun orzamento de 5.542.867,18 euros.

A xunta de Goberno local do Concello de Ferrol aprobou o proxecto Abrir Ferrol ao Mar, entorno do Arsenal, Ferrol Vello e A Magdalena. O orzamento ascende a 5.542.867,18 euros.

O alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela, afirmou que “é o proxecto urbanístico máis importante aprobado polo Concello de Ferrol nos últimos anos, cun desenvolvemento urbano de 1,5 quilómetros e 30.000 metros cadrados”.

Así mesmo, o rexedor lembrou que o proxecto inclúese dentro da colaboración entre a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Ferrol para a segunda fase de Abrir Ferrol ao mar. Neste sentido, contempla accións de fomento da mobilidade sostible na fachada marítima e portuaria da cidade e xa coas autorizacións pertinentes.

PUBLICIDADE

ACTUACIÓNS PREVISTAS

Nesta fase levaranse a cabo obras que supoñen a rexeneración integral e a implantación dun modelo de mobilidade sostible na zona perimetral de contacto da cidade co mar. Realizarase a través da reordenación da circulación rodada e mellora da seguridade viaria. Así mesmo, potenciarase a mobilidade sostible mediante a prolongación do carril bici e itinerarios peonís xa executados na fronte do Porto. Ademais, conectarase co centro urbano, creando itinerarios e espazos peonís accesibles en toda a fronte.

Asemade, executarase unha integración estética e paisaxística da zona de contacto entre o mar e a trama urbana, acadando os obxectivos de mellora na infraestrutura verde da cidade. “Converteremos o que era a traseira da cidade no seu atractivo principal”, avanzou Rey Varela.

Rehabilitaranse prazas claves como a Porta do parque, a praza de Galicia e a Porta do dique, conectando con zonas verdes como a alameda do Carbón. Crearase un recorrido verde que vinculará a cidade co seu entorno.

Ademais, a muralla do Arsenal será restaurada, respectando a súa cota orixinal do século XVIII, e substituiranse tramos por enreixados metálicos diáfanos, garantindo unha conexión visual coa ría sen renunciar á seguridade. Así mesmo, darase un tratamento especial á Porta de enfermaría, que será a nova porta principal do Arsenal.

Todas estas actuacións están relacionadas directamente coa calidade ambiental dos espazos da cidade. Premisa á que se suma a plantación de 83 novas árbores, adecuando a vexetación a cada zona e restablecendo o carácter histórico da contorna.

Os materiais que se empregarán inclúen beirarrúas de lousa de granito, zonas de acceso rodado en contorna de prazas con lastra de granito, carril bici de formigón coloreado, prazas brandas de xabre estabilizado e vías de aglomerado. Tamén se instalarán 33 bancos, 22 papeleiras e cinco aparcabicicletas con catro prazas cada un.

O prazo de execución desta fase é de 18 meses. “O proxecto transformará Ferrol nunha cidade máis conectada, inclusiva e sostible”, afirmou o alcalde.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.