O Concello de Fene recibirá neste 2025 1.291.171,41 euros no marco do Plan Único. A deputada de Plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García, visitou o municipio, onde a recibiron a alcaldesa, Sandra Permuy; a concelleira de Obras, María Carmen Martínez; e o primeiro tenente alcalde, Manuel Polo. Alí destacou que o Plan Único é “a principal ferramenta de financiamento local dos nosos concellos, que contan con excesivas e impropias competencias municipais, que dificilmente poden afrontar”. Así pois, o importe recibido por Fene forma parte dos 116 millóns de euros destinados aos 93 concellos da provincia.
Durante a visita, achegáronse a tres obras financiadas co Plan Único. Unha xa rematada, a mellora de camiños municipais de Castelo e da Estrada Laraxe; outra en curso, unha senda peonil; e unha terceira en avaliación, a senda peonil na rúa Camiño do Regueiro.
“Para a Deputación é un orgullo poder dicir que contamos cunha ferramenta que reparte os fondos públicos con criterios absolutamente obxectivos, e que lle ofrece aos nosos concellos total autonomía para poder investilos naqueles proxectos que consideren prioritarios en función da súa situación”, sinalou a deputada. Cristina García tamén sinalou que o Plan Único “supón un importante impulso para a economía local, ao fomentar a contratación de pequenas e medianas empresas de construción, enxeñerías e outras de sectores relacionados”. Así pois, asegura a execución de obras necesarias e fortalece o tecido empresarial local. Nesta liña, xéranse oportunidades de emprego e contribúese a fixar poboación.
Pola súa banda, a alcaldesa explicou que o POS “é un impulso moi importante para concellos como Fene, que nos permite desenvolver obras moi necesarias para a veciñanza, e dotar de servizos ás distintas parroquias”. Este ano “destinamos parte do POS a gasto corrente, unha opción que valoramos moi positivamente do Plan, porque simplifica os trámites e permite facer obras propias dunha maneira máis áxil” sinalou. “As obras que visitamos hoxe en Limodre, Barallobre e San Valentín son tres exemplos de actuacións moi importantes para Fene, que melloran a calidade de vida e, no caso das dúas sendas, a seguridade peonil nuns treitos moi transitados, beneficiando a moita poboación”.




