A xunta de Goberno local do Concello de Ferrol aprobou o primeiro Plan de mobilidade urbana sostible, PMUS 2025. O alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela, recordou que Ferrol contou con estudos de mobilidade e plans redactados, pero “nunca se chegaron a aprobar por falta de consenso e diálogo entre os partidos, pero hoxe Ferrol conta cun PMUS baseado na participación, o consenso e o diálogo”.
Este plan nace da Axenda Urbana 2030 aprobada o ano pasado, froito da participación da sociedade ferrolá. Os grupos políticos presentaron alegacións en marzo e abril e púxose durante 20 días a exposición pública. Ademais convocáronse dúas mesas de mobilidade, completando tres meses de escoita participativa e negociacións desde que se presentou o plan.
En total, 17 entidades e grupos presentaron alegacións; BNG, FeC, PSOE, Sergas, os colexios de Esteiro, Compañía de María, Belén, Lestonnac, Valle Inclán, Laxe, Pazos e San Xoan, as asociacións veciñais de Valón, Ensanche e O Lago e dous particulares. En conxunto, suman 106 alegacións, das que se aceptaron o 70%.
APOSTA POR UN FERROL SOSTIBLE
O PMUS céntrase en gañar espazo para o peón, mellorar a mobilidade e aumentar as prazas de aparcamento. Así, márcase como obxectivo que no ano 2030 Ferrol conte con 30,05 quilómetros de sendas verdes e 22 quilómetros de carrís bici, máis do dobre que no 2023.
Ademais, en 2030 Ferrol contará con 7.500 prazas de aparcamentos disuasorios e subterráneos, un 31% máis que no 2023. Asemade, contémplase a creación da Zona de Baixas Emisións. A implantación progresiva da ZBE permitirá realizar un seguimento continuo dos principais indicadores ambientais e adoptar medidas correctoras adicionais. O estudo técnico xa está redactado e Ferrol cumpre cos parámetros marcados pola UE e a OMS en canto a contaminación ambiental.
O documento contempla un modelo de implantación da ZBE en dúas fases. A primeira centrarase en Ferrol Vello e a segunda abranguerá parte do barrio da Magdalena. Desta maneira, poderase iniciar o procedemento e a tramitación administrativa para a súa implantación, conforme á normativa vixente e aos prazos establecidos pola lexislación estatal.
Na actualidade, Ferrol conta con 46.266 vehículos censados: o 36,6% non ten distintivo medioambiental, o 31,3% ten o distintivo B, o 29,4% ten o distintivo C, o 2,5% ten o distintivo ECO e o 0,2% ten o distintivo CERO. Os datos reflicten que o 63,4% dos vehículos de Ferrol non terían problemas para circular polas Zonas de Baixas Emisións. Pola súa banda, os veciños terán autorización para entrar nos seus barrios con independencia de cal sexa a etiqueta do seu vehículo.
UN FERROL MÁIS HUMANIZADO
Con este plan búscase mellorar a calidade de vida da veciñanza, reducir as emisións contaminantes e fomentar a cohesión social e económica. Así, humanizarase o espazo público mediante sendas verdes e azuis, itinerarios peonís accesibles e rodeados de vexetación. Asemade, mellorarase a accesibilidade universal nos espazos públicos e no transporte.
A isto súmase a aposta pola mobilidade activa e sostible mediante a creación dunha rede ciclable coa ampliación dos carrís bici e a instalación de novos puntos de alugueiro de bicicletas e renovación con eléctricas. Así mesmo, mellorarase e promoverase o transporte público e a utilización do taxi como alternativa eficiente e sostible, así como do ferrocarril.
Este PMUS preséntase como un proxecto axustado á realidade da cidade e ás necesidades da veciñanza. “Trátase dun documento completo, moi estudado, consensuado con todos os sectores da cidade e con todos os grupos políticos que forman a corporación municipal”, concluíu Rey Varela.