PUBLICIDADE

Ferrol inicia as obras do pulmón verde de Catabois-San Pablo e Santa Mariña

PorBisbarra

Mércores, 26 Novembro 2025 , ,
O Concello de Ferrol inviste 462.561,22 euros no proxecto do pulmón verde.O Concello de Ferrol inviste 462.561,22 euros no proxecto do pulmón verde.

O Concello de Ferrol iniciou as obras do proxecto de rehabilitación e adecuación de dúas parcelas do antigo polígono de tiro de Catabois. Segundo informou a concelleira de Urbanismo, Blanca García, o obxectivo é a dotación dun espazo público. A inversión destinada á creación deste pulmón verde é de 462.561,22 euros e o prazo de execución é de seis meses.

A actuación desenvolverase sobre dúas parcelas, que pasaron a titularidade municipal a principios deste mandato. Teñen unha superficie total de 13.387 metros cadrados, das cales 11.158 metros cadrados destinaranse á zona verde. Os 2.229 metros cadrados restantes quedan reservados para o parque canino, un proxecto complementario que xa está executando a Xunta de Galicia.

No deseño do espazo, o Concello de Ferrol prioriza a accesibilidade e a diversidade de usos. Así contémplase a creación de sendas peonís e ciclistas accesibles, unha zona de xogos infantís para nenos e nenas de entre 3 e 14 anos, unha área para a práctica de parkour dirixida á mocidade e adultos, así como zonas de descanso con bancos accesibles.

PUBLICIDADE

O parque contará tamén cun total de 20 prazas de estacionamento (dúas adaptadas), tres aparcabicicletas e catro fontes. A aposta pola sostibilidade e a integración social está no centro deste proxecto. Así pois, contempla melloras en infraestrutura técnica, incluíndo sistemas de rega automática, drenaxe pluvial sostible e abastecemento de auga potable. Ademais, instalarase unha nova rede de iluminación pública composta por 56 farois, 49 delas distribuídos nas sendas e sete nas zonas de xogos.

En relación ás zonas verdes, conservarase a maior parte do arborado existente e complementarase cunha nova plantación de especies autóctonas e ornamentais.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.