A xunta de Goberno local do Concello de Ferrol aprobou a contratación administrativa e os pregos que rexerán a contratación das obras de renovación da instalación eléctrica en baixa tensión do castelo de San Felipe. “Hai un mes aprobamos o proxecto e hoxe damos un paso máis coa licitación do mesmo o que nos permitirá levar a cabo a renovación eléctrica na fortificación”, recordou o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela.
O orzamento desta actuación ascende a 95.924,66 euros e prevese un prazo de execución de dous meses.
O pasado mes de novembro foi aprobado en xunta de Goberno local o proxecto básico e de execución refundido de actuacións no castelo de San Felipe. Agora, detectáronse problemas eléctricos que fan necesario levar a cabo melloras de renovación eléctrica en baixa tensión. Así, adecuarase a instalación eléctrica, reparando os defectos para facilitar o servizo e garantías de seguridade para traballadores e usuarios desta histórica fortificación, dando cumprimento á normativa vixente.
FUTURO SERVIZO DE HOSTALARÍA NO CASTELO
Esta actuación é un paso previo para a ampliación da potencia contratada na fortificación. Así, prepararase o castelo para poder ofrecer á futura instalación un servizo de hostalaría. O rexedor recordou que “nestes momentos están en fase de licitación as obras de conservación e licitación do castelo por máis dun millón de euros”.
As melloras levaranse a cabo a través de tres liñas de actuación nunha das zonas máis antigas da fortificación: a conservación e mantemento da Batería Alta, do século XVI; a rehabilitación inicial da Casa do Comandante e a súa contorna e finalmente a súa adecuación para o seu uso como cafetería.