PUBLICIDADE

Luís Menor destaca en Parada do Sil o seu “modelo turístico sostible”

O presidente da Deputación de Ourense tamén parou na Casa Museo do ChocolateLuís Menor durante a súa visita institucional a Parada do Sil

O presidente da Deputación de Ourense realizou unha visita institucional ao concello da Ribeira Sacra no cal financiarán obras e servizos por preto de un millón de euros no marco do Plan CooperOU.

Luís Menor, presidente da Deputación de Ourense, realizou unha visita institucional ao concello de Parada do Sil na mañá do mércores 9 de abril. Durante a mesma, destacou o “modelo turístico sostible” que desenvolve este municipio da Ribeira Sacra, no que a institución provincial financiará obras e servizos durante o actual mandato valoradas en preto de un millón de euros. 

Acompañado polo alcalde da localidade, Aquilino Domínguez, e outros membros da corporación local, Menor asinou no libro de honra do Concello. Alí, tras manter unha reunión de traballo, puxo en valor a colaboración institucional, máis aló de signos políticos, así como os servizos que presta Parada de Sil, con investimentos que “teñen retorno en forma de desenvolvemento socioeconómico e atención á veciñanza”.

Pola súa banda, Aquilino Domínguez, agradeceu a visita institucional na que o presidente provincial “comprobou as necesidades do concello”. O alcalde tamén puxo en valor o “esforzo inversor” da Deputación en beneficio do municipio.

PUBLICIDADE

Durante a súa visita, Luís Menor coñeceu a colección museográfica da Casa Museo do Chocolate de Teimende, pola que pasan preto de 8.000 usuarios ao ano e na que a institución ourensá colaborou con axudas de 47.000 euros para a súa xestión e mantemento. 

Alí escoitou falar sobre o proceso de fabricación e distribución do chocolate como se facía no século pasado, a través dunha explicación no museo instalado en Teimende, único espazo destas características existente en Galicia.

Luís Menor tamén aproveitou para visitar a residencia de maiores, onde se realizou unha intervención no revestimento dunha das fachadas do centro, traballos financiados pola Deputación de Ourense no marco do plan CooperOU, co que o Concello de Parada de Sil se beneficiará de preto de 670.000 euros en axudas ata o ano 2027.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.