PUBLICIDADE

Pacto a tres en Compostela para acordar os orzamentos do Concello

PorBisbarra

Mércores, 15 Xaneiro 2025 , , ,
Os portavoces de CA e do Partido Socialista asinaron o acordo dos orzamentos 2025 xunto coa alcaldesa do BNG, Goretti Sanmartín

Os grupos que conforman o goberno de Santiago de Compostela, Bloque Nacionalista Galego e Compostela Aberta, e o Grupo Municipal Socialista asinaron un acordo para a aprobación dos orzamentos de 2025, unhas contas que, logo da correspondente tramitación terán que ser sometidas ao Pleno para a súa aprobación inicial. A sinatura estivo encabezada pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, xunto coa primeira tenente de alcaldesa, María Rozas, e o portavoz do Grupo Municipal Socialista, Gonzalo Muíños, e tivo lugar no salón verde do Pazo de Raxoi.

O goberno de Santiago destaca a importancia de chegar a un acordo polo interese xeral da veciñanza. Un orzamento “enfocado ás necesidades reais de Compostela, ambiocioso mais equilibrado e na liña de modernizar a administración, de facela máis eficaz e de prestar servizos de calidade”.

Así, o executivo local explica que se trata dun orzamento que se achega aos 146 millóns de euros. Os gastos correntes ascenden a uns 133 millóns e os investimentos reais sitúanse nos 13 millóns. Complementariamente ao orzamento, preparouse un expediente modificativo para achegar algo máis doutro millón de euros.

PUBLICIDADE

Tal e como establece o pacto, non se formula ningunha suba dos impostos actuais pero prevese unha maior recadación, debida fundamentalmente á eficiencia na xestión de diferentes áreas municipais, e, singularmente, ao imposto por estadías. O Concello tamén prevé solicitar un crédito bancario de 2,5 millóns de euros, que equivale ao amortizado no exercicio anterior, polo que non se aumentará a débeda.

No estado de gastos, o capítulo I, de gastos de persoal, supera os 42 millóns de euros, é dicir, en torno ao 29% do gasto, e complétase cos importes do capítulo II dedicados ao soporte e funcionamento da Administración e de servizos de prestación directa, como a policía ou bombeiros. O segundo monto de maior peso no gasto refírese aos contratos para a prestación de servizos externalizados (recollida de lixo, comedores, limpeza, axuda no fogar ou mantemento de parques e instalacións, firmes ou rozas, entre outras).  Conxuntamente, o capítulo II rolda os 66,6 millóns de euros, cun aumento do 15% motivado nos grandes contratos.

Uns orzamentos que se siguen o trámite normal non estarán operativos con sorte antes do mes de abril deste ano.

“OS ORZAMENTOS DE 2025 CONFIRMAN UNHA ALIANZA INEFICAZ” DIN OS POPULARES

En relación ao acordo de orzamentos para 2025, o líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, destacou que “atopámonos ante unha novo foto, sen futuro, desta unión de PSOE, BNG e CA, que xa cumpre 10 anos”.

Neste senso pediu aos composteláns que se pregunten se “mellorou Santiago despois desta década de alianza tripartita”. A resposta, continuou, “é clara”, porque “ler os proxectos dos orzamentos de 2025 é a confirmación desta alianza ineficaz”. E é que “son os mesmos anuncios da mesma foto do ano pasado”, lamentou Verea.“Palacete do Espiño, Rúa García Lorca, ou 3 millóns para o rural”, enumerou, “xa estaban contemplados no orzamento de 2024 e nada de soubo”, salientou.

Sen contar, engadiu, “os 2 millóns para vivenda que xa aparecían o ano pasado e cos que non fixeron absolutamente nada”. “E saen onte -sinalou Verea- anunciando 4 millóns, pero o que deberían responder é por que non fixeron nada cos 2 millóns para vivenda que a mesma unión BNG-CA-PSOE aprobaron o ano pasado”.

O tamén deputado no Parlamento de Galicia deixou claro que “hoxe en Santiago só hai unha alternativa a esta longa unión de BNG, PSOE e CA, que é a nosa, e ten un obxectivo: volver a poñer Santiago en marcha”.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.