O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, lamentou hoxe que, “por culpa da incapacidade do goberno nacionalista, desde o 3 de xullo sigamos pagando un tarifazo por aparcar na Praza de Galicia”
Así, destacou que “por moito que pasen os anos, os socios permanentes, o tripartito do PSOE, BNG e CA, hai temas recorrentes que se manteñen na nosa cidade sen que ninguén destes gobernos sexa quen de arranxar”. “Porque o tema que nos trae hoxe aquí é de novo o problema de aparcamento en Santiago, unha cuestión coa que o BNG fixo campaña electoral hai dous anos pero que, lonxe de arranxar ou tomar medidas, caemos de novo na incompetencia absoluta en mudar absolutamente nada”, denunciou.
“Isto -continuou- ten consecuencias, e imos pagar, ben cara, a inutilidade deste goberno nacionalista que non está capacitado para xestionar absolutamente nada”.
Villa salientou que “no caso de ter chegado a tempo, os nosos cidadáns teríanse aforrado arredor dun 1€ á hora por aparcar na praza de Galicia, xa que aparcar unha hora na praza de Galicia custa case 2€, e 3 horas case 5€, mentres, no aparcamento de xestión municipal de Xoán XXIII custa 1,31€ e 2,61€ respectivamente”. Insistiu tamén nos prezos como abono mensual, onde o do aparcamento de Xoán XXIII, de xestión municipal é de 61,33€ fronte aos 116,95€ (só en horario diurno) de praza de Galicia. “Unha diferencia substancial. O dobre”, cualificou.
O popular lamentou que “ao final os prexudicados sempre son os mesmos, os veciños e veciñas do casco histórico ou os do Ensanche que non contan con prazas de aparcamento”.



