A Xunta de Galicia leva anos incrementando o gasto que destina ao Servizo de Axuda ao Fogar, nos último ano esta cifra chegou ata os 140 millóns de euros, un 8% máis.
A Lei de Servizos Sociais de Galicia de 2007 aprobada en tempos do bipartito, establece que o SAF é unha competencia municipal e, polo tanto, a súa xestión depende dos concellos, aos que a Xunta apoia economicamente.
Ante as últimas acusacións realizadas polo BNG, a Xunta apunta que “non é certo que a Xunta reducira o orzamento destinado ao SAF: no último ano incrementáronse os fondos.
A intención do Goberno galego é seguir aumentando a súa achega aos Concellos e, con este fin, está en negociacións coa Fegamp. Pero é necesario tamén a implicación do Goberno central e que, dunha vez por todas, cumpra coa Lei e asuma o 50% dos custes da dependencia en lugar de reducir o financiamento, que pasou do 40% no 2023 ao 34% no 2023. Unha maneira de proceder que contrasta co acordo bilateral que o Executivo de Sánchez, apoiado polo BNG, vén de asinar co País Vasco para financiar o 50% do custe da dependencia nesa Comunidade Autónoma”.
Critica ao goberno central xa que “está a “afogar” aos concellos, xa que non soamente reduce o financiamento, senón que aumenta as obrigas. Por exemplo, no caso do SAF introducindo novas prestacións, como a acompañamento do dependente fóra do domicilio”.
“A pesar deste déficit de financiamento por parte do Goberno central, a Xunta sigue impulsando novos servizos e prestacións. Este é o caso do Bono Coidado no Fogar, que non substitúe a ningún servizo, senón que é una opción máis para aqueles dependentes que queren permanecer nos seus domicilios. Máis de 22.500 persoas se benefician desta axuda de 5.000 euros ao ano que se concede a todos os dependentes, sen importar o seu grao de dependencia nin o seu nivel de ingresos”, engaden dende o goberno da Xunta.
O BNG ACUSA Á XUNTA DE RECORTAR CARTOS NO SAF
A viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, acusou o PP de recortar en cinco millóns de euros as axudas para o Servizo de Atención no Fogar (SAF) e derivalos pagar “axudas míseras” de 400 euros ao mes por coidar persoas dependentes na casa, unha cantidade que —subliñou— é menos dunha Risga e menos da metade do Salario Mínimo Interprofesional.
“O PP está desmantelando a dependencia como servizo público” porque “nunca creu nos coidados nin no sistema público e sempre veu nisto u nicho de negocio para un puñado de empresas ou no seu defecto algo que asuma cada quen na súa casa”, criticou Rodil.
“No BNG temos claro que o benestar nin os coidados non son un negocio nin poden ser un privilexio de quen poida pagalo”, precisou a viceportavoz do BNG, contrapoñendo a alternativa nacionalista o proceso de privatización que, en xeral, está a facer o Executivo da Rueda cos servizos públicos, cun sistema no que o 80 % das prazas das residencias de maiores está en mans privadas ou no que as últimas residencias que se construíron son as que fixo a Fundación Amancio Ortega e que a Xunta privatizou “en canto recibiu as chaves”.



