“Unha festa por todo o alto”, calificaron dende o Concello de Ordes, despois da celebración dun Samaín que estivo organizada pola Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes, e que foi todo un éxito de participación.
O venres o Campo da Feira de Ordes acolleu ata ben entrada a madrugada a centenares de mozos e mozas que non pararon de bailar coa disco móbil CDC e a orquestra Origen. Os máis novos e novas xa tiveran o seu momento pola tarde coa actuación do Mago Piter e o seu espectáculo A maleta máxica e cos obradoiros de pintacaras e maquillaxe.
A pesar de que o día non acompañou pola chuvia caída durante toda a xornada, isto non foi un problema para os participantes grazas á carpa climatizada que se instalou, para celebrar un Samaín, no que tamén colaboraron o Concello de Ordes, a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes e a Xunta de Galicia.



