O alcalde de Ortigueira e o director de Turismo de Galicia reuníronse para abordar o futuro do festival, e para seguir impulsando o crecemento da cita de referencia da música celta internacional na súa 47ª edición
O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que se desenvolverá do 9 ao 13 de xullo na que é a súa 47ª edición, celebrará neste 2025 o medio século de vida da Escola de Gaitas de Ortigueira. Co gallo deste aniversario, o director xeral de Turismo de Galicia da Xunta, Xosé Manuel Merelles, e o alcalde do Concello de Ortigueira, Valentín Calvín, reuníronse a semana pasada para abordar o futuro do festival, declarado de Interese Turístico Internacional e un referente mundial da música folk e celta.
O rexedor de Ortigueira, Valentín Calvín, fixo un repaso por todas as novidades que marcarán o 47º Festival Internacional do Mundo Celta, coincidindo co 50 aniversario da Escola de Gaitas, impulsora da cita musical e cultural, principal atractivo turístico do municipio.
Neste sentido, Calvín avanzou que nesta edición haberá unha xornada máis na programación do Festival Internacional do Mundo Celta, o que permitirá ampliar as actividades e ofrecer unha homenaxe especial á Escola de Gaitas, que consistirá nun concerto único, do que os detalles se desvelarán proximamente.
O 47º Festival Internacional do Mundo Celta contará cun cartel excepcional que combina artistas consagrados e novas promesas do folk internacional. Entre os nomes xa confirmados atópanse Milladoiro, Gwendal, A Bottine Souriante, Dallahan, Flook, Tiruleque, Tejedor, Böj, Alana e Buíoch, ademais da propia Escola de Gaitas de Ortigueira. Asemade, a cita incluirá actuacións de bandas de gaitas de Galicia, Asturias e Bretaña, reforzando o seu carácter intercéltico e a súa aposta pola tradición musical.
Outro dos puntos chave da reunión, foi a posta en marcha do Laboratorio de Cantigas Novas, unha iniciativa promovida polo Concello de Ortigueira a través da área formativa do festival celta. Coordinado pola Escola de Gaitas, este proxecto ten como obxectivo fomentar a creación poética e musical baseada na tradición oral galega. O laboratorio ofrecerá 12 sesións de traballo entre este mesmo mes de marzo e xullo, contará coa participación de destacados expertos en música e literatura, e para o que a prescripción xa está pechada.
Calvín tamén agradeceu á Xunta de Galicia a posta en marcha da nova senda peonil que conectará o centro de Ortigueira coa zona do festival celta. Un proxecto, que forma parte do compromiso do Goberno galego co desenvolvemento do evento, mellorará a accesibilidade e seguridade dos asistentes, facilitando o tránsito de miles de persoas que cada ano acoden ao festival cada ano.
O encontro rematou co compromiso de ambas as partes de seguir traballando conxuntamente para garantir o éxito da edición de 2025 e fortalecer a posición do Festival Internacional do Mundo Celta como un referente indiscutible da cultura folk a nivel mundial.
Como peche simbólico, lembrouse a presentación do cartel oficial do festival celta, deseñado pola ilustradora Mónica Fustes. A obra recolle o espírito do evento a través de palabras representativas das Nacións Celtas, reflectidas en diferentes linguas e acompañadas de ilustracións cargadas de simbolismo.