PUBLICIDADE

Ferreiro e Anido gañan o Rally Costa Brava e xa lideran o Europeo de Rallyes Históricos

Ferreiro e Anido durante a súa participación no Rallye Costa Brava, primeira proba do Campionato de Europa FIA de Rallyes HistóricosFerreiro e Anido durante a súa participación no Rallye Costa Brava, primeira proba do Campionato de Europa FIA de Rallyes Históricos

Ferreiro e Anido, do Melide MotorSport, foron os máis rápidos na súa categoría no Europeo, na primeira proba do certame, o Rally Costa Brava, que tamén abriu o Campionato de España de Rallyes Históricos, no que foron segundos

Xesús Ferreiro e Xavier Anido, do equipo Melide MotorSport, conseguirón a pasada fin de semana en Xirona, a vitoria na súa categoría no Rally Costa Brava, proba que sube o pano do Campionato de Europa FIA de Rallyes Históricos, e tamén o do Campionato de España da mesma modalidade. Así, o equipo melidense inicia a campaña cun triunfo na primeira cita do Europeo na que participaron máis de 200 equipos de todo o continente.

O participantes no Rally Costa Brava afrontaron os primeiros percorridos o xoves 13 de marzo, co treito de Els Angels, no que Ferreiro e Anido cederon algo de tempo por mor dunha densa néboa, o que terminou ocasionando que ao final do rali o equipo de Melide non puidese adxudicarse a vitoria no Campionato de España.

Na xornada do venres, disputáronse seis especiais baixo unhas condicións meteorolóxicas cambiantes, pois a choiva aparecía nalgunha delas e iso provocou tamén algún erro na elección dos pneumáticos, unha situación que repetiuse o sábado, derradeiro día de carreira no que se realizaron catro treitos máis, pois as dúas pasadas por Sant Hilari-Osor foron canceladas.

PUBLICIDADE

Xesús Ferreiro e Xavier Anido dominaron en todo momento a carreira co seu Ford Escort RS MKII na categoría 3 do Campionato de Europa, logrando así o seu primeiro triunfo nunha tempada que se inicia e na que aspiran a conseguir o ansiado título continental, polo que o primeiro paso xa está dado con esta clara vitoria que esperan repetir nas seguintes citas.

O equipo de Melide rematou o Rally Costa Brava na décimo cuarta posición da clasificación xeral final e segundos no Campionato de España, superados polos arxentinos Ezequiel Pérez-Companc e José María Volta cun Ford similar ao de Ferreiro e Anido. No mes de abril, os galegos desprazaranse á República Checa para afrontar a segunda cita do calendario no Historic Vltava Rallye que xa disputaron no ano 2018.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.