A tempada de pesca continental iniciouse a pasada fin de semana na maior parte dos ríos de Galicia, e das 47.000 licenzas vixentes, 24.530 pertencen a menores e maiores de 65 anos exentos do pagamento de taxas, ao igual que as persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%
Galicia deu, a pasada fin de semana, o pistoletazo de saída á tempada de pesca en augas continentais na maior parte dos ríos da Comunidade, nunha campaña que conta con máis de 47.000 licenzas en vigor. Do total destas licenzas, 24.530 pertencen a menores de idade e a maiores de 65 anos, grupos poblacionais que están exentos do pago das taxas, do mesmo xeito que as persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, no que é unha das novidades recollidas na Lei autonómica aprobada no ano 2021 pola Xunta de Galicia que ten como un dos seus obxectivos impulsar a remuda xeracional.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, achegouse onte domingo ata o couto de Sigüeiro, no río Tambre ao seu paso polo Concello de Oroso, no que fixo un repaso aos principais datos, melloras e novidades introducidas a nivel administrativo para esta tempada de pesca 2025 que comezou oficialmente.
Ademais, co obxectivo de simplificar a facilitar as xestións administrativas entre o colectivo de pesca deportiva dos maiores de 65 anos, a conselleira lembrou que a Xunta comezou o ano pasado o envío automático das licenzas correspondentes a este colectivo, que por primeira vez neste 2025, os seus permisos pasan a ter un carácter indefinido, polo que xa non será necesaria a súa renovación.
Seguindo esta mesma liña de simplificación, Ángeles Vázquez matizou que, a maiores e tamén como novidade, a comezos deste mes de marzo se empezaron a enviar de oficio máis de 14.300 SMS aos titulares de licenzas de pesca continental menores de 65 anos para avisalos da próxima caducidade dos seus permisos.
Todas estas medidas, como explicou Ángeles Vázquez, enmárcanse na estratexia da Xunta de estreitar lazos coa cidadanía e poñer á súa disposición máis e mellores servizos. De feito, vencellou o incremento notable no número de licenzas en vigor en Galicia ás medidas e melloras administrativas impulsadas polo seu departamento nestes últimos anos. Así, fronte ás máis de 38.000 licenzas activas por estas datas en 2024, este ano a cifra supera ás 47.000.
Todo listo para a primeira xornada da tempada de pesca
As asociacións e agrupacións responsables do mantemento, conservación, repoboación e promoción da pesca nos coutos galegos, en virtude dos 62 acordos asinados entre estes e a Consellería de Medio Ambiente, traballaron durante os días previos para deixar os coutos listos para o inicio da tempada.

Na bisbarra de Compostela, a Asociación de Troiteiros do Río Furelos de Melide, remataron na xornada do sábado a limpeza e colocación de sinais para o comezo da tempada. Unha primeira xornada de pesca contiental que non foi moi satisfactoria no que se refiere a capturas, segundo indicaron algúns dos pescadores da comarca santiaguesa. Aínda así, houbo quen capturou algunha que outra peza, máis as baixas temperaturas e o vento do norte, impediron que fora moito mellor.









