O artista ourensán Romar inaugurou no Centro Cultural Marcos Valcárcel a exposición na que fai un percorrido polos seus referentes a través da pintura e da escultura
O artista Juan Manuel Rodríguez Martínez, Romar, inaugurou na tarde de onte, no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, a exposición Pinceladas dunha vida. A mostra, que se pode visitar ata o vindeiro 4 de maio, fai un percorrido polos referentes vitais do artista ourensán, principalmente o seu pai, a través da pintura e da escultura.
“Meu pai ensinoume todo o que un ser humano necesita saber e da única maneira que se pode ensinar: co seu exemplo”, explicou Romar durante a presentación de Pinceladas dunha vida, nun acto au que asistiu o deputado de Cultura e vicepresidente primeiro da Deputación, César Fernández, que puxo en valor o compromiso da institución coa cultura como un dos eixos estratéxicos do goberno provincial.
Ademais do seu pai, Romar fai tamén protagonistas desta exposición a outros referentes vitais e artísticos como o escultor e pintor suízo Alberto Giacometti ou un dos principais expoñentes do Postimpresionismo, Vincent van Gogh, así como persoeiros da vida social ourensá como o doutor Luis Gallego.
Romar tamén destaca a crítica social que se desprende de Pinceladas dunha vida, que sempre está presente na súa obra artística, afondando na decadencia dos grandes valores ou no materialismo económico e o egocentrismo imperante na sociedade actual.







