A XXXIV Festa do Champiñón, que se desenvolverá do 25 ao 27 de abril, terá como pregoeiro ao presentador, humorista e actor David Amor e contará coa música de Fillas de Casandra, Heredeiros da Crus, Mekánica Rolling Band, Olympus, Los Satélites ou a París de Noia
O Concello de Ordes vén de presentar o cartel da XXXIV Festa do Champiñón , que se desenvolverá do 25 ao 27 de abril, contará cunha ampla programación cultural con música e espectáculos, na que o gran protagonista é o champiñón, produto do que se repartirán de balde centos de quilos tanto durante o sábado como o domingo, nos bares e restaurantes da vila.
O venres, a partir das 21:30 horas, a praza de Veracruz acollerá o espectáculo de lume Lenda das Meigas, e posteriormente, ás 22:30 horas, o humorista, presentador e actor David Amor dará o pregón e con el o inicio oficial a tres días de festa na vila de Ordes. A orquestra Olympus será a encargada de poñer a música, baile e son á noite da primeira xornada, dende as 23:30 horas.
Durante toda a fin de semana desta XXXIV Festa do Champiñón, gaiteiros e pasarrúas soarán polas rúas a partir das dez da mañá. Será entón cando tamén abran as súas portas tanto a exposición de maquinaria agrícola como a de artesanía, situándose esta última na alameda. O sábado, os tractores tomarán as rúas do pobo cun gran desfile que comezará ás 12:00 horas e que rematará no Campo da Feira.
A sesión vermú estará animada pola charanga TNT (13:30 horas), que repetirá ás 20:00 horas. Antes, ás 18:30 horas, a cativada ten unha cita co teatro coa representación Máis saaabor!!, na alameda de Ordes. Co solpor regresa a música e o baile, a partir das 22:30 horas, cos concertos de Mekanica Rolling Band, Fillas de Cassandra e Heredeiros da Crus.
O domingo a charanga BB+ volverá percorrer coa súa música a vila, dende o mediodía e ata as 17:00 horas. Á unha da tarde cederalle o testemuño á Banda de Música de Ordes, antes de que o grupo Alaska súbirase ao escenario ás 14:00 horas. O fin de festa virá da man de Los Satélites e da orquestra París de Noia (18:00 horas), dunha Festa do Campiñón que organiza o Concello e conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia