PUBLICIDADE

Os Premios Santiago Deporte recoñecen a Borja Iglesias e a Esther Pedrosa como os mellores da tempada

Entre os galardoados nos VII Premios Santiago Deporte, que concede o Concello, atópanse tamén a ciclista Alejandra Neira, o ximnasta Iván Gutiérrez e, a título póstumo, José María Caneda, expresidente da SD Compostela

Os VII Premios Santiago Deporte, que concede o Concello , foron entregados o pasado luns durante unha gala que se desenvolveu no Auditorio de Galicia e que presidiu a alcaldesa, Goretti Sanmartín. Os galardóns son un recoñecento público ao labor desenvolvido, durante a tempada 2023/2024, por persoas, entidades, centros educativos e empresas a prol do fomento da práctica deportiva e da actividade física entre os composteláns.

A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, foi a encargada de abrir a gala dos VII Premios Santiago Deporte, que concederon un total de 12 distincións. A edila deu a benvida ás persoas asistentes, parabenizou aos e ás gañadoras, “mais tamén ás que quedaron ás portas”.

Antes do inicio da entrega dos Premios Santiago Deporte, Lueiro tamén destacou que “Compostela sábese afortunada por contar con tantas persoas e entidades que promoven a actividade físico-deportiva e hábitos sans, grazas a unha implicación, moitas veces desinteresada, que non en poucas ocasións pasa desapercibida”, incidiu a concelleira.

PUBLICIDADE

O deporte é o mellor que temos no noso concello, non só polo número persoas implicadas, dende deportistas, directivas, familias, traballadores, afección… senón tamén polos valores que representa e polo tipo de sociedade que queremos ter” (Pilar Lueiro, concelleira de Deportes)

Así, os recoñecementos desta sétima edición dos Premios Santiago Deporte foron para Alejandra Neira Domínguez (ciclista do Club Baqué) no apartado de deportista feminina categoría base. O galardón ao mellor deportista masculino na categoría base, recaeu no ximnasta Iván Gutiérrez Mosquera, do club Ximnasia Rítmica Compostela. A mellor deportista feminina abosoluta foi para a atleta Esther Pedrosa, mentres que en categoría masculina se alzaou co recoñecemento o xogador compostelán de fútbol Borja Iglesias, actualmente no Real Club Celta de Vigo. En canto ao deporte adaptado, Emilio Agüera Vozmediano, atleta de triatlón do Club Santiago Inforhouse acadou o recoñecemento do xurado.

A entidade deportiva máis destacada desta edición foi o Hockey Club Raxoi, “polos éxitos acadados na tempada 23/24, incluíndo o ascenso do equipo feminino á máxima categoría”, mentres que a entidade educativa galardoada foi San José de Cluny, polo traballo dos seus equipos de baloncesto. O recoñecemento ao patrocinio deportivo recaeu este ano en Limpiezas Salgado. Tamén se premiou a ADB Fontiñas como promotora da mellor actividade ou acción social polo seu traballo cos mozos de Mali e Senegal refuxiados en Santiago

O galardón ao/á adestrador/a máis destacado/a recibiuno María Fernández Cañabate, polo seu traballo no club Ximnasia Rítmica Compostela, e tamén se recoñeceu o labor da árbitra de baloncesto, Judith Trasancos Blanco. 

O premio honorífico desta edición á traxectoria deportiva foi para Enrique Fernández Otero, Quico, “pola súa implicación co fútbol e co seu barrio de Conxo”. Ademais, acordáronse dúas mencións especiais: a Andrés Viqueira Pérez, presidente do Club Atlético Fátima, e un recoñecemento a título póstumo a José María Caneda, expresidente da SD Compostela. Tamén se lle dedicou, un ano máis, un agradecemento á Policía Local e Protección Civil, polo seu papel nos eventos deportivos.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, foi a encargada de pechar o acto, ao que tamén asistiron o resto de representantes da corporación municipal, e no que a rexedora loou aos e ás gañadoras das que dixo “son persoas magníficas claras merecedoras deste recoñecemento, e activos indispensables nesta tarefa común que temos todas nós para construír esa Compostela máis xusta, máis igualitaria, máis orgullosa”.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.