A Festa do Queixo e Bico de Xeado, que elaborou o produto, desenvolverán unha cata o 11 de marzo, venderase nos establecementos hostaleiros de Arzúa, e durante a festa poderase degustar na foodtruck ‘Biconeta’
A 50ª Festa do Queixo de Arzúa e Bico de Xeado veñen de presentar, o pasado 28 de febreiro na Capela da Madanela (18:00 horas), o Xeado de Queixo de Arzúa-Ulloa DOP con Marmelo. Un produto que é froito da proposta da xeadería artesanal que o Concello de Arzúa apoiou, e que dá forma a unha creación única que pon en valor o produto estrela da comarca, e que este ano celebra o seu 50 aniversario da súa festa.
Este novo sabor de Bico de Xeado de Queixo de Arzúa-Ulloa con Marmelo poderá degustarse por primeira vez nunha cata aberta ao público que terá lugar, o vindeiro 11 marzo a partir das 18:00 horas, na Casa de Correos de Arzúa. Ademais, os establecementos hostaleiros da vila terán a posibilidade de ofrecer este xeado nos seus locais, sumándose así á celebración da Festa do Queixo cun produto exclusivo. Asemade, durante os días grandes da 50ª Festa do Queixo de Arzúa, o público poderá degustar este xeado na foodtruck Biconeta que estará situada no recinto festivo.
Dende o Concello de Arzúa destacaron durante a presentación do Xeado de Queixo Arzúa-Ulloa con Marmelo, a importancia desta colaboración como exemplo de posta en valor dos produtos locais, promovendo sinerxías entre o sector público e privado para ofrecer novas experiencias gastronómicas aos asistentes á festa.
A 50ª Festa do Queixo de Arzúa, un dos eventos máis importantes do calendario gastronómico e cultural galego, volve apostar pola calidade e a innovación mantendo sempre a esencia da tradición. Con esta nova proposta, os asistentes poderán descubrir unha maneira diferente de gozar do queixo de Arzúa-Ulloa DOP, fusionado coa cremosidade e frescura dun xeado artesanal.
