A meteoroloxía repectou o día grande da Festa da Filloa de Lestedo, na que se entregaron os Mandís de Honra e se desenvolveu a oitava edición do tradicional Desfile dos Xenerais da Ulla
A Festa da Filloa de Lestedo celebrou, onte domingo, o día grande da súa 42ª edición, na que a celebración do Concello de Boqueixón luciu por primeira vez a súa distinción como Festa de Interese Turístico Nacional. A meteoroloxía deu unha tregua durante unha xornada na que os milleiros de visitantes puideron, ademais de degustar as filloas, asistir ao VIII Desfile de Xenerais da Ulla que se converteu no máis concorrido de todas as edicións con máis de 60 integrantes.
“Uns ovos a Santa Clara e unhas filloas de Lestedo”, asegurou o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, sobre a treboada Jana que o sábado obrigaba a suspender a festa de Entroido e condicionaba a celebración do Filloa Folk, dando na xornada do domingo unha tregua para que as celebracións do día grande da 42ª Festa da Filloa de Lestedo puideran celebrarse sen incidencias e sen molladuras.
A xornada desta 42ª Festa da Filloa de Lestedo foi moi fría dende primeiras horas da mañá, cando ás 8:00 horas se acenderon as máquinas filloeiras que estiveron operativas durante todo o día, mais as baixas temperaturas non impediron que milleiros de persoas se achegarán a Lestedo para celebrar esta festa gastronómica e cultural.
Os visitantes pudideron degustar a filloa en múltiples elaboracións, para todos os gustos, sabores e prezos. Así, o pack de 10 filloas de Lestedo podía adquirise por 5 euros; as filloas á pedra tiñan un prezo de 2 euros cada unha e o pack de 3 filloas sen glute podía adquirirse por 2 euros.
Caso aparte eran as filloa recheas. As doces podían adquirirse por 2 euros, cun recheo a elixir: nata, chocolate ou crema. As salgadas tiñan un prezo de 3,5 euros e catro opcións a elixir: as tradicionais con chourizo á prancha ou con panceta loncheada e torrada, e as novidades de Porco Celta en salsa kimchi e cebola encurtida ou salteado de polo, mostaza e mel.
A partir das 12:20 horas tivo lugar o VIII Desfile de Xenerais da Ulla polas rúas de Lestedo, o máis numeroso destas oito edicións xa que congregou a máis de 60 Xenerais e Xeneralas, 30 deles a cabalo, chegados de Touro, O Pino, Santiago, A Estrada, Vedra, Teo e Boqueixón. Unha ducia deles participaron posteriormente nos tradicionais Atranques dos Xenerais que tiveron lugar no campo da festa despois do pregón.
Cocido da Filloa froito do irmandamento ca Feira do Cocido de Lalín
Tras a sesión vermú tivo lugar o tradicional Xantar da Filloa no polideportivo de Lestedo, que nesta ocasión converteuse no Cocido da Filloa a raíz do irmandamento entre os concellos de Boqueixón e a Feira do Cocido de Lalín. En total, repartíronse preto de 300 xantares elaborados polo cociñeiro lalinense Álex Iglesias e que incluíron un cocido completo: sopa de cocido, cacheira, lacón, costela, entrefebrado, polo, morro, orella, chourizo ceboleiro, unllas, rabo, grelos, pataca, garavanzos e faldra de tenreira galega.
E para pechar esta nova edición, a 42, da Festa da Filloa de Lestedo, que estreou a súa condición de Festa de Interese Turístico Nacional, desenvolveuse unha gran verbena popular co grupo Origen e a orquestra París de Noia.























