A Primavera de Cultura do Concello de Arzúa ofrece un total de 13 propostas que se desenvolverán na vila e nas parroquias ata finais de maio, e cuxo programa completo se presentará o vindeiro 25 de marzo
O programa da nova edición de Primavera de Cultura do Concello de Arzúa, que será presentado o vindeiro 25 de marzo, terá a súa primeira cita, mañá venres ás 20:00 horas na Capilla da Madanela, coa presentación do libro A capital do mundo, unha das últimas publicacións do recoñecido escritor Xavier Alcalá. O acto de presentación da obra será conducido polo coordinador do Club de Lectura Arzúa Le, José Manuel Pampín.
A presentación de A capital do mundo inaugura así o programa municipal de Primavera de Cultura, que inclúe un total de 13 propostas variadas e para todos os públicos, centradas principalmente no fomento da lectura das Letras Galegas, e que se desenvolverán tanto na vila arzuá como nas súas parroquias ata finais do mes de maio.
A emigración é o tema principal de A capital do mundo de Xavier Alcalá, obra na que narra como no ano 1957 un adulterio ferinte e un amor tolo imposible, impulsan a unha rapaza coruñesa a emigrar.
Instalado en Galicia dende a súa nenez, Xavier Alcalá, que é enxeñeiro de telecomunicacións ademais dun prolífico escritor, iniciou a súa obra literaria con Voltar, seis personaxes e un fado, traballo ao que ían seguir títulos como A nosa cinza, Fábula, Código morse ou Alén da desventura, novela coa que obtería o Premio Blanco Amor no ano 1998. Máis recentemente publicou a novela Verde oliva, sobre a revolución castrista en Cuba, e The Making of, na que se descobre a aventura oculta da emigración galega na Arxentina.
O concelleiro de Cultura de Arzúa, José Luís García, destacou “a importancia desta programación xa que os seus eixos principais son o fomento da lectura e do uso e coñecemento da nosa lingua, temas que sempre están presentes en todas as programacións ao longo do ano pero aos que concretamente neste 2025 estáselles prestando especial atención”.




