A Ruada Val do Dubra fixo un recoñecemento a Chiño, que xunto a Carlos Rey, xogou un papel moi importante na preservación da memoria, a cultura e as tradicións do municipio e a súa contorna
A Ruada Val do Dubra celebrou a súa segunda edición o pasado día 11 de xullo, nun encontro coa tradición, a música, o baile e a memoria, que nesta ocasión puxo no centro á figura de José Manuel Iglesias, Chiño, recoñecido mestre, bailador e defensor incansable do patrimonio oral e musical do concello.
Xunto a Carlos Rey, Chiño xogou un papel chave na preservación da memoria da tradición de Val do Dubra. Ambos encargáronse de gardar e recuperar cintas históricas como Derradeira pola vila I ou Ritmos bailables, que serviron de base para a creación da obra definitiva: Tocadoras do Val do Dubra. Un traballo, presentado hai uns meses, non só recompila cancións, senón que tamén recolle historias de vida e o día a día das mulleres que mantiveron viva a música popular na comarca, nun exercicio de memoria, dignificación e amor pola cultura propia.
A II Ruada Val do Dubra comezou ás oito na área recreativa de Bembibre cun emotivo acto de homenaxe. A concelleira de Cultura, Celsa Oreiro, impulsora da iniciativa, definiu a Ruada como “unha defensa dunha cultura, dun idioma e dunha tradición” que pon en valor figuras que destacan polo seu compromiso para visibilizar, difundir e transmitir as raíces culturais do noso municipio.
A cantareira Felisa Segade abriu o acto presentando a laudatio a cargo do fotógrafo Eutropio Rodríguez, Chicho, quen repasou con sentida emoción a traxectoria de Chiño, lembrando moitos dos recordos que deixou inmortalizados en fotografías. As regueifas de Lupe Blanco e Suso de Xornes puxeron o ton máis festivo e irónico a este recoñecemento.
Logo foi a quenda da Asociación Xuvenil Regueifa, promovida por Chiño en 1994 (antes fora un grupo parroquial), o grupo recuperou pezas como a Muiñeira e xota de Mórdomo, interpretadas por antigas cantareiras, e a xa emblemática Muiñeira de Bembibre, que o propio Chiño traballou co grupo durante anos.
Como sorpresa no evento, chegou a quenda de Brincadeira, o grupo co que se iniciou, ao que se incorporou con apenas 19 anos e dirixiu durante un cuarto de século. Os seus antigos compañeiros puxeron en pé a Ruada de Bembibre. Brincadeira foi para Chiño o primeiro contacto como bailador da formación da que logo sería director artístico durante varias décadas.
Como colofón desta II Ruada Val do Dubra, Regueifa e Brincadeira uníronse para interpretar A Fonsagrada. A emoción foi palpable entre o público, composto por veciños, familiares, músicos, bailadores e compañeiros de toda unha vida de compromiso coa cultura.
O acto pechouse cun agradecemento e agasallo simbólico entregado pola concelleira de Cultura, Celsa Oreiro, e unha derradeira regueifa a cargo de Lupe e Suso, antes de dar paso ás actuacións musicais da noite: Os Tres Pesos, Catuxa Salom e A Banda da Balbina, rematando cunha foliada libre aberta a toda a veciñanza.
A segunda edición da Ruada Val do Dubra confirmou o seu crecemento e consolidación como unha cita indispensable no calendario cultural dubrés e da comarca, proxectándose, celebrando non só a música e o baile tradicionais, senón tamén ás persoas que, coma Chiño, fan posible que o legado siga vivo e transmitíndose con emoción ás novas xeracións.






