A sétima edición do certame Cinema Miúdo de Ames desenvolveuse entre o 14 e o 17 de novembro e levou a pequenos e maiores nunha viaxe á orixe do cinema
A sétima edición do certame Cinema Miúdo, que organiza o Concello de Ames, reuniu do 14 ao 17 de novembro a máis dun milleiro de persoas que realizaron unha viaxe no tempo á orixe do cinema a través de proxeccións, obradoiros, representacións ou a entrega de premios na gala final que tivo lugar onte domingo no Auditorio do Milladoiro.
O festival de cinema infantil, Cinema Miúdo, naceu no concello de Ames no 2017, busca darlle ao público miúdo galego a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes, que descubran olladas doutras partes do mundo, así como favorecer a súa formación na sensibilidade artística, o interese cultural e o espírito crítico ante o consumo audiovisual.
Así, ao longo destes tres días, os máis de mil asistentes ao VII Cinema Miúdo, dos cales 450 eran público escolar de Primaria e Secundaria, desfrutaron das proxeccións, os talleres e obradoiros de fotografía analóxica, actuacións musicais e participaron nas sesións especiais adicadas aos pioneiros da animación e da comedia, nun certame que baixou o pano onte domingo coa gala de clausura e a entrega de premios no Auditorio do Milladoiro.
Palmarés do VII festival Cinema Miúdo
Os premios do xurado estiveron dotados con 500 euros e os do público con 200 euros, ademais da correspondente estatuíña, obra do artista plástico galego Pelucas. O xurado estivo composto por tres profesionais do sector: o ilustrador de cómics e director de animación, gañador dun Premio Goya, Martín Romero; a directora e animadora portuguesa, Alexandra Ramires; e o director da editorial infantil OQO, Xoán Couto.
O filme francés Nube alzouse co premio do xurado do VII Cinema Miúdo na categoría Axóuxeres (menores de 7 anos), cativando ao público coa súa delicada animación e a súa emotiva historia sobre a familia. Outro traballo francés, As Catúsicas da noite, que puido verse por primeira vez en España neste Cinema Miúdo, levou o premio á mellor cuartametraxe na categoría Buxainas (maiores de 7 anos).
O premio do público deste VII Cinema Miúdo, que foi recollido a través dun dispositivo aplausómetro tras as proxeccións, foi para o filme de animación arxentino Ahru, na categoría Axóuxeres, e para a curtametraxe de Estonia O misterio dos calcetíns desaparecidos, na categoía Buxainas.