A hispano-sueca recibiu o premio Cineuropa nun acto no que o director do festival destacou a “versatilidade interpretativa” da actriz de filmes como ‘Hermosa Juventud’ ou ‘Una ballena‘
O festival internacional Cineuropa, que se desenvolve en Santiago dende o pasado 7 de novembro, entregou, onte xoves nun acto no compostelán Teatro Principal, o premio Cineuropa, desta 38ª edición, á actriz hispano-sueca Ingrid García-Jonsson, e que supón a máxima distinción do festival de cinema.
Durante o acto, dirixido pola presentadora Susana Sampedro, o director de Cineuropa, José Luis Losa, realizou un percorrido pola traxectoria profesional da actriz, da que destacou a súa “versatilidade interpretativa”, manifesta dende a súa estrea cinematográfica en Hermosa Juventud na que mostra “a súa gran capacidade de impregnar de verdade de seda e esparto aquel tan estimable retrato dos máis precarios da crise económica na burbulla inmobiliaria”, até a máis recente Una ballena, na que “fai un exercicio sublime”, destacou Losa.
A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, que foi a encargada de entregarlle o premio Cineuropa a Ingrid García Jonsson, salientou a súa “presenza magnética na pantalla, capaz de involucrarnos en historias que exploran a alma humana”, incidiu a representante provincial.
Ingrid García-Jonsson confesouse agradecida, e mesmo sorprendida, por ter recibido este premio Cineuropa, que o situou como o comezo da súa carreira e dedicoullo aos equipos cos que traballou ao longo destes anos e á súa familia. A actriz tamén destacou a aposta de Cineuropa “por un tipo de cinema que non é fácil e que abre as portas a mundos distintos” e “por seguir resistindo e darnos o luxo, porque ir ao cinema é un luxo, de poder estar simplemente pendente dunha pantalla máis grande co móbil”, destacou tras recibir o galardón.
Tras o acto de entrega do premio Cineuropa 2024, no que tamén participaron a alcaldesa Goretti Sanmartín e outros representantes da Corporación Municipal, o público asistiu á proxección da película Una ballena, de Pablo Hernando protagonizada por García-Jonsson e Ramón Barea que tivo a súa estrea no mes de outubro no Festival de Sitges.