Esta cuarta xornada do Club do Debate Alingua, previa ás fases clasificatorias, contou cos equipos dos centros educativos locais, dos do concello de Ames e dos de Carballo
O Club do Debate Alingua contou, onte en Santa Comba, coa participación dos equipos formados polo alumnado e o profesorado dos centros educativos locais, do Concello de Ames e do de Carballo, no que foi a cuarta xornada formativa dunha iniciativa que, no mes de marzo, desenvolverá a súas fases clasificatorias. A partipación amesá nesta formación estivo representada polo alumnado do IES Milladoiro e do IES Bertamiráns cun total de tres equipos, 40 alumnos e catro profesores.
Esta edición do Club do Debate Alingua, organizada polos servizos de normalización lingüística de 13 Concellos galegos, conta cun total de 37 equipos inscritos, sumando preto de 400 persoas, entre alumnado e profesorado. Os estudantes, conformados en grupos dun máximo de 10 integrantes, pertencen aos cursos de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacherelato, e tamén de ciclos formativos. Todos eles contan cun docente que é o encargado de adestrar, asesorar e representar a cada equipo.
Os equipos, e como paso previo ás clasificatorias, iniciaron a pasada semana as sesións formativas. Onte, xoves 22, Santa Comba acolleu a formación do alumnado local ademais do de Ames e de Carballo. Estas xornadas de formación organízanse co obxectivo de que o alumnado participante familiarícese co desenvolvemento dos debates e reciban asesoramento sobre técnicas de comunicación oral e argumentación.
As xornadas de formación comezaron o pasado mércores, 14 de xaneiro, en Betanzos, onde alén do propio alumnado betanceiro inscrito acudiuron os equipos dos centros educativos de Ferrol, Narón e Pontedeume. De seguido, Vilagarcía de Arousa acolleu o xoves 15 a segunda xornada formativa, coa asistencia de alumnado vilagarcián ademais do procedente de Pontevedra e Rois. E, este pasado mércores, 21 de xaneiro, impartiuse a terceira xornada en Arzúa, para os centros inscritos da propia Arzúa, Santiago de Compostela e Teo.
Club de Debate Alingua, un proxecto de dinamización lingüística
O Club de Debate Alingua é un proxecto de dinamización lingüística organizado desde varios concellos para favorecer o emprego da lingua galega entre a mocidade, especialmente os usos orais en contextos formais e informais. Ademais, contribúe a promover o pensamento crítico e analítico e fomentar a diversidade de opinións, tolerancia e traballo en equipo.
Alén do propio evento competitivo, o Club de Debate Alingua promove a creación de espazos de socialización e convivencia para activar a lingua galega a través do conxunto de actividades propostas: as xornadas de formación e as intensas xornadas de debate, que inclúen tempo para o lecer con actividades de convivencia entre o alumnado participante.




