Os establecementos participantes nesta edición do certame de tapas, están distribuídos en 7 rutas ou (é)Tapas, que se poden consultar no Tapasporte
O vindeiro xoves 13 de febreiro comeza unha nova edición, a XVI xa, do Santiago(é)Tapas, un certame organizado pola Concellería de Turismo de Compostela, que trasladou o ano pasado ao mes de febreiro, e que neste 2025 ofrecerá un total de 68 tapas elaboradas polos 42 establecementos participantes.
O XVI Santiago(é)Tapas, que se desenvolverá ata o 2 de marzo, distribuirase nun total de sete rutas ou (é)Tapas, catro delas cos nomes dos Camiños de Santiago: Fisterra-Muxía, Camiño Francés, Camiño Portugués e Camiño do Norte; e as tres restantes de interese especial: Ruta sen glute, Ruta vexetariana e a Ruta doce.
Todas as persoas que completen as (é)Tapas no Tapasporte poderán gañar diversos agasallos como produtos galegos de calidade (DOP e IXP), botellas de viño, packs de cervexa Estrella Galicia ou lotes de Cafés Dromedario, entre outros. Tamén poderán conseguir abonos para o Obradoiro CAB, balóns vintage da SD Compostela, libretas e bidóns ilustrados ou paraugas… Para conseguir estes premios é necesario, como mínimo, completar unha das (é)Tapas ou das rutas de interese especial.
O Tapasporte deste XVI Santiago(é)Tapas inclúe ademais un apartado denominado Tapasporte Express dirixido aos turistas e visitantes que vaian pasar só uns días na cidade e que queiran desfrutar das tapas do certame. Estes recibirán un agasallo por conseguir un selo en cada unha das (é)Tapas.
O Tapasporte para esta nova edición do Santiago(é)Tapas pode recollerse dende o xoves na Oficina de Turismo de Santiago na Rúa do Vilar, 63, en horario de 10:00 a 18:00 horas de luns a domingo, así como en todos os establecementos que participan coas súas tapas.
Ademais, o sábado 15 de febreiro haberá un premio especial sorpresa para todas aquelas persoas que presenten na Oficina de Turismo os selos cubertos dos cinco establecementos distinguidos co selo de Calidade Turística SIVTED: Bodeguilla de San Lázaro, Bodeguilla de Santa Marta, Redes, O Sendeiro e Orixe.




