O Concello tamén presentou o cartel oficial para anunciar o Entroido 2025: ‘Volverei’ de Patricia Antonela Julia Siracusa
O Museo da Gaita, dependente da Concellería de Turismo de Barbadás, acolleu o pasado 9 de febreiro un obradoiro para a rapazada no que aprenderon a facer a Pita de Eiroas, que foi a máscara elixida para ser homenaxeada este ano durantea a III edición das Mascaradas Ancestrais do Entroido 2025 o vindeiro 15 de febreiro, a partir das 16:00 horas, tamén no Museo da Gaita.
Ademais de elaborar cada rapaz e rapaza as súas propias pitas, coñeceron polo miúdo a historia desta máscara de Entroido. E, tamén os ovos que se baleiran e se enchen de millo para converterse no elemento que as pitas lanzan a quen se lle poña por diante.
O Entroido 2025 xa ten o seu cartel oficial
O Concello de Barbadás tamén presentou, onte día 10 de febreiro, o cartel oficial do Entroido 2025, e que foi elixido por unanimidade do xurado do concurso convocado polo Concello. A proposta gañadora foi a obra da deseñadora gráfica Patricia Antonela Julia Siracusa baixo o título Volverei.

Un xabaril vestido de superheroe protagoniza o cartel que foi o gañador, segundo o fallo do xurado, “pola súa creatividade e orixinalidade”, ademais de “por integrar un elemento representativo do municipio cun toque de humor: un xabaril situado na Glorieta da Familia, na Valenzá”. Un animal que convive coa veciñanza de Barbadás, e simboliza a esencia do Entroido e a conexión coa comunidade.
Este personaxe representa a esencia mesma do Entroido: a liberdade de ser o que queiramos por uns días e gozar sen límites xeracionais. A súa historia é sinxela pero poderosa:cóase no desfile porque non pode resistirse á enerxía e alegría que envolve a Barbadás ddurante o Entroido. Quere se parte da festa, como un veciño máis” (Patricia Antonela Julia Siracusa, autora do cartel do Entroido)
Patricia Antonela Julia Siracusa, que mostrou o seu máis sincero agradecemento por este premio, “non só como deseñadora gráfica, senón tamén como veciña e parte da gran familia de Barbadás dende hai máis de 15 anos”, explicou que o xabaril, protagonista do cartel do Entroido, transfórmase nun superheroe cunha galera máxica e lentes ao estillo Matrix, “simboliza que no Entroido todos somos benvidos a participar e reinventarse”.