PUBLICIDADE

Convocan o certame Letras Gazafellas 2025 de poesía e relato curto infantil e xuvenil

Acto de entrega de premios do certame de poesía e relato curto Letras Gazafellas 2024, que vén de convocar a súa nova edición (Foto: FB Asociación Cultural Gazafellos do Val)Acto de entrega de premios do certame de poesía e relato curto Letras Gazafellas 2024, que vén de convocar a súa nova edición (Foto: FB Asociación Cultural Gazafellos do Val)

O certame Letras Gazafellas, dirixido a estudantes de Primaria, e de ESO, Bacherelato e FP, ten aberto o prazo de admisión de obras ata o vindeiro 9 de maio

O IV certame Letras Gazafellas xa está en marcha. O concurso de poesía e relato curto, que organiza a Asociación Cultural Gazafellos do Val de Negreira, divídese en dúas categorías: infantil para nenos e nenas de 3º a 6º de Primaria, e xuvenil, dirixida aos estudantes de ESO, Bacherelato e FP ata os 18 anos.

Os traballos presentados a esta edición do Letras Gazafellas 2025 deberán estar escritos en lingua galega, e o prazo de admisión finaliza o vindeiro 9 de maio. A entrega das obras realizarase preferentemente a través do correo electrónico gazafellosdoval@gmail.com, presencialmente na asociación ou a través dun envío postal á dirección: AC Gazafellos do Val, Avenida das Brañas, nº6 Negreira (A Coruña).

As obras que se presenten ao certame de poesía e relato curto deben ser orixinais, non estar editadas, nin ter sido premiadas en calquera outro certame. Poderán presentarse tantas obras como se desexe e a extensión das mesmas será dunha páxina para poesía e un máximo de cinco páxinas para o relato curto. Ao principio do traballo deben incluírse os datos persoais: Nome e apelidos, enderezo, teléfono, enderezo electrónico se o hai, centro no que cursa os seus estudos e categoría á que se presenta.

PUBLICIDADE

Os traballos gañadores serán escollidos por un xurado designado pola Asociación Cultural Gazafellos do Val, e faranse públicos no mes de maio, entregándose no acto das Letras Galegas que organiza
anualmente a asociación. Os premios para os traballos gañadores serán, na categoría infantil un vale de 60 euros para a libraría Remuíño, e na categoría xuvenil 60 euros en metálico.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.