O IX Enreguéifate bota a andar nunha edición que se organiza baixo o lema Versos doutro universo e que terá a súa entrega de premios no mes de abril en Pontevedra
O Enreguéifate presentou esta mañá as novidades da súa novena edición. O proxecto, impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, continúa a consolidarse como un referente na divulgación da improvisación oral en verso –a regueifa– como vía para revitalizar o uso do galego, especialmente entre a mocidade.
Enreguéifate, Versos doutro universo, que é o lema desta edición, convida a ollar e mudar este mundo desde ese outro universo: o da poesía oral improvisada”, segundo apuntaba a alcaldesa compostelá Goretti Sanmartín na presentación do certame que inclúe un programa de actividades con accións formativas para escolares e profesorado así como o concurso refegueiro aberto a toda a cidadanía.
O programa de actividades arrincará este venres, 14 de novembro, cun obradoiro de formación para o profesorado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, en Ames, conducido por Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira. A actividade, gratuíta e con inscrición aberta ata mañá, 12 de novembro, a través da web do Enreguéifate , ofrecerá a 45 docentes de toda Galicia a oportunidade de coñecer o valor da regueifa como ferramenta didáctica.
Blas García, alcalde de Ames, agradeceu tamén a implicación do profesorado no proxecto ano tras ano, apuntando que “cada docente que decide incorporar a regueifa á súa programación está a transmitir unha tradición e un patrimonio valiosísimos e está a trasladar ao alumnado a mensaxe de que o galego é unha lingua viva, útil, divertida e con futuro”.
Enreguéifate conta con preto de 80 obradoiros escolares
Durante este primeiro e o segundo trimestre do curso realizaranse preto de 80 obradoiros de improvisación oral destinados a escolares de 5º e 6º de primaria e da ESO dos concellos participantes. Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo, Xairo de Herbón, Cristian de Burela e Manuele Pardo serán nesta edición as persoas encargadas de impartir as sesións formativas destinadas a espertar no alumnado a curiosidade polos xéneros de improvisación oral en galego.
O certame de regueifas en vídeo repite como unha das citas máis agardadas. A concelleira de Carballo, Maruxa Suárez, subliñou que na anterior edición “acadouse unha participación de récord, con case un cento de regueifas recibidas, confirmando o interese crecente da cidadanía por esta expresión cultural”.
O prazo para participar estará aberto entre o 12 de xaneiro e o 6 de marzo de 2026. A inscrición poderá realizarse a través da web do Enreguéifate, na que tamén estarán dispoñibles as bases completas do certame. As persoas interesadas deberán enviar un vídeo no que participen, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego sobre un tema libre, cunha duración máxima de tres minutos.
O Enreguéifate volverá outorgar oito premios por cada categoría –escolar e xeral–, para recoñecer non só quen fai mellor as regueifas, senón tamén que as emprega para fomentar a inclusión, para reclamar ou denunciar inxustizas, para amosar a nosa diversidade ou para difundir as nosas tradicións. Así, haberá regueipremios para os mellores vídeos nas modalidades de regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira.
A entrega dos galardóns terá lugar desta volta en Pontevedra, como apuntou o concelleiro de Normalización Lingüística do concello pontevedrés, Demetrio Gómez. O Teatro Principal de Pontevedra acollerá o xoves, 16 de abril de 2026 o encontro que reunirá a comunidade regueifeira de todo o país, nunha celebración que pretende “recoñecer o esforzo dos centros educativos, das familias, das agrupacións culturais e das persoas que, coa súa participación no Enreguéifate, axudan a manter máis viva ca nunca a nosa tradición”.



